O CHUS nega unha morte digna para unha nena de 12 anos cunha enfermidade irreversíbel

A súa familia reclama sexa desconectada dos mecanismos artificiais que prolongan o seu sufrimento. Acudirán á xustiza. 

 

Andrea ten 12 anos e unha enfermidade neurodexenerativa irreversíbel con pronóstico firme. A súa saúde empeorou nos últimos meses, non tolera a alimentación artificial e padece unha "desnutrición calórico-proteica importante", segundo recolle a Cadena Ser

Porén, malia contar un informe do comité de bioética do Hospital de Compostela favorábel, emitido o 14 de setembro, que lle permitiría unha morte digna, através da supresión dos soportes artificiais que a manteñen con vida pasándoa a tratamentos paliativos, o servizo de pediatría do CHUS négase a executalo. 

Apela a xerencia aos principios de bioética e asegura que está a actuar de acordo coa legalidade vixente, o que entra en conflito cos intereses da familia, convencida de que Andrea está a sufrir por mor das múltiples afeccións que a atinxen. 

O caso pon de novo riba da mesa o debate arredor do dereito a unha morte digna, cuestión que foi obxecto de debate recentemente no Parlamento de Galiza. A instancias do grupo parlamentar do PSdeG-PSOE, a Cámara lexislativa aprobou a tramitación da Lei de garantías de doentes terminais

O texto prevé o suministro de tratamentos paliativos a doentes terminais "con igualdade e con moita dignidade" cando o pronóstico de vida sexa "limitado". A nova lei entrou en vigor o 26 de xuño deste ano. 

Xustiza

Após unha xuntanza coa área de Pediatría do CHUS, esta cuarta feira, a nai de Andrea avanzou que acudirá á xustiza para garantir o dereito da súa filla a unha morte digna após aseguraren desde o CHUS que non contan con soporte legal para desconectar Andrea e administrarlle tratamentos paleativos. 

O que si conseguiu a familia é que a rapaza permaneza ingresada no hospital en troca de voltar á casa, como pretendía inicialmente o servizo médico.