O Hospital de Compostela deriva aos xuíces a decisión sobre Andrea

O xerente anuncia que remitiron de novo ao xulgado tanto o informe do comité ético como o diagnóstico desta nena de 12 para a que os pais piden unha morte digna.

O Hospital Universitario de Compostela (CHUS) anunciou que remitirá ao xulgado toda a información sobre Andrea, a nena de 12 anos que padece unha enfermidade dexenerativa e irreversíbel e para a que os sdeus pais piden unha morte digna, para que sexan os xuíces quen decidan. Así o manifestou esta quinta feira Luis Verde, xerente do complexo hospitalario compostelán. Enviarán ao Xulagdo tanto o informe do comité de ética como todo o relativo ao diagnóstico da nena. Xa o fixeron en xullo, lembrou o xerente, mais vólveno facer agora, despois de que os pais de Andrea anunciasen esta cuarta feira que ían recorrer á xustiza para garantir unha morte digna para a súa filla.

Andrea ten 12 anos e unha enfermidade neurodexenerativa irreversíbel con pronóstico firme. A súa saúde empeorou nos últimos meses, non tolera a alimentación artificial e padece unha "desnutrición calórico-proteica importante" 

Porén, malia contar un informe do comité de bioética do Hospital de Compostela favorábel, emitido o 14 de setembro, que lle permitiría unha morte digna, através da supresión dos soportes artificiais que a manteñen con vida pasándoa a tratamentos paliativos, o servizo de pediatría do CHUS négase a executalo. 

Apela a xerencia aos principios de bioética e asegura que está a actuar de acordo coa legalidade vixente, o que entra en conflito cos intereses da familia, convencida de que Andrea está a sufrir por mor das múltiples afeccións que a atinxen. 

Bispos

Os bispos españois rexeitan a eutanasia no caso de Andrea, mais tamén apontaron a que a Igrexa non quer que haxa un “encarnizamento terapéutico”, se ben si coidados paliativos. Así se pronunciou o secretario xeral e voceiro da Conferencia Episcopal Española (CEE), José María Gil Tamayo.

Tamén se pronunciou sobre este caso o secretario xeral do PSOE, Pedro Sánchez, que dixo que na vindeira lexislatura comprometíase a abrir un debate sobre a eutanasia e a aprobar unha lei que a regule, "se hai consenso".