Entrevista

Silvio Falcón e Andreu Pujol: "Constatamos un auxe do soberanismo de esquerdas"

Os autores Andreu Pujol e Silvio Falcón, esta cuarta feira en Vigo. (Foto: Nós Diario)
O politólogo galego-catalán Silvio Falcón e o historiador catalán Andreu Pujol presentaron onte, na libraría Cartabón de Vigo, o seu novo libro, A la sobirania per l'esquerra. Una anàlisi de l'auge d'ERC, EH Bildu i BNG. Con tal motivo, Nós Diario conversa cos autores sobre as posibilidades do movementos soberanistas no Estado español.

—No seu libro A la sobirania per l'esquerra. Una anàlisi de l'auge d'ERC, EH Bildu i BNG (Á soberanía pola esquerda. Unha análise do auxe de ERC, EH Bildu e BNG) constatan un incremento do apoio social a estas forzas. Trátase dun aumento electoral puntual ou sosteríase no tempo?
Silvio Falcón
: Constatamos dúas cousas: un certo auxe destas forzas soberanistas de esquerdas da Galiza, de Euskal Herria e de Catalunya, pero ademais unha mensaxe en común. Unha maneira de comunicarse cada vez máis parecida, o que é un pouco estraño porque as tres forzas veñen de tradicións políticas moi diferentes. Non sabemos se esta tendencia se vai manter, pero si é evidente nos últimos tres anos, sobre todo despois da desfeita dos espazos e das coalicións do ámbito de Podemos.

—Falan do 'ensanchamento da base social'. É posíbel chegar ao Goberno sen moderar o discurso?
Andreu Pujol
: Estes partidos non renunciaron ao seu obxectivo, pero para seguir avanzando cara a ese mesmo obxectivo entenden que deben interpelar unha maioría social e polo tanto teñen que dicir algo máis que non sexa só un discurso estritamente nacionalista. Pretenden ser forzas de progreso que atraian o independentismo e, ao mesmo tempo, unha parte da poboación que, cunha mensaxe estritamente nacionalista, non se sentiría interpelada. Non sei se isto é unha moderación, en todo caso é un camiño para chegar a un obxectivo. Seguramente o discurso rexeite a estridencia dos radicalismos pero isto non significa que haxa unha renuncia aos obxectivos finais.

S.F.: Neste sentido, as tres forzas políticas de por si xa teñen unha reivindicación histórica desde o ámbito da esquerda e ligada ao ámbito nacional. Que comprendan estas dúas reivindicacións de xeito conxunto xa forma parte da súa identidade como forzas políticas que, evidentemente, as renuncias ideolóxicas desdebuxarían a súa propia identidade. Non pensamos que esta identidade teña que ser matizada para chegar a novos públicos. 

—É posíbel a autodeterminación no marco constitucional actual?
A.P.
: Este é o principal problema. A estratexia que están a seguir ERC, EH Bildu e BNG é moi semellante á que segue o independentismo escocés, que é non renunciar a gobernar as institucións propias, e facer un discurso social que interpele axente non necesariamente nacionalista. A diferenza con Escocia é o interlocutor: o Reino Unido permitiu facer un referendo; no caso español, isto é moito máis complexo, máis que nada, por unha cuestión de falta de vontade política por parte dos gobernantes españois, tanto do PP como do PSOE. 

Porén, os tres espazos soberanistas que analizamos chegan á conclusión de que cantos máis sexan os que exixan a realización de referendos, máis próxima estará esa posibilidade da independencia.

—Consideran necesaria a coordinación dos procesos soberanistas da Galiza, Euskal Herría e Catalunya?
S.F.
: Cada un destes espazos ten estratexias e momentos políticos moi diferentes. É evidente que cada país ten os seus tempos, e esa coordinación historicamente xa demostrou non ser de todo factíbel. Curiosamente, unha das cousas que fai que estas formacións políticas se parezan, o principio de autoorganización, tamén pode permitir que se diferencien, escollendo os seus momentos. Si vexo que poderían coordinar os esforzos de cara a condicionar os Gobernos sucesivos en Madrid e esa conciencia do dereito de autodeterminación dos pobos no marco do Estado español.

O traballo de Pontón "fala por si propio"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, prologa o libro que Falcón e Pujol veñen de presentar na Galiza, e presentouno onte en Vigo. Preguntados pola súa valoración da traxectoria de Ana Pontón á fronte do BNG nos últimos anos, ambos coinciden en sinalar que a nacionalista foi quen de situar o BNG, primeiro, en situación de "poder competir politicamente co Partido Popular" e, segundo, nunha situación de "prestixio a nivel de Estado".

"Tanto Arnaldo Otegi como Pere Aragonès e Oriol Junqueras se mostraron interesados polo perfil de Ana Pontón e impresionados polo traballo que fixo en tan poucos anos", sinala Falcón. Para o politólogo galego-catalán, Pontón está en disposición de "disputar a Xunta nas próximas eleccións galegas. O seu traballo fala por si propio". "Veremos se o candidato do Partido Popular é capaz de conseguir a maioría ante tal avance do BNG", engadiu.