Falece Pedro Trigo López, heroe da Revolución Cubana e responsábel do BNG na illa
O combatente da loita clandestina cubana Pedro Trigo López faleceu esta quinta feira a causa dunha insuficiencia respiratoria provocada por unha pneumonía, e insuficiencias renal e cardíaca, á idade de 96 anos.
Trigo López, que foi responsábel do BNG en Cuba e participou na candidatura municipal da formación nacionalista en Ourol [a localidade mariñá da que procedía a súa familia] en 2007 e 2011, naceu o 29 de xuño de 1928, en San Miguel del Padrón, na Habana.
Fillo de emigrantes galegos, cursou o ensino primario e secundario en escolas públicas en Calabazar, no municipio de Boyeros. Orfo de pai, tivo que empezar a traballar desde os dez anos como mensaxeiro de tinturaría, compartindo o traballo co estudo.
Apenas cumpridos os 16 anos, comezou a traballar na entón fábrica de tecidos Tedeca, hoxe Julio Trigo. En 1944, sen ser empregado fixo, participou nunha folga decretada no sector téxtil, orientada por Lázaro Peña. Foi apresado xunto a un grupo de compañeiros por espazo de 12 días. Esta foi a súa primeira detención e, desta forma, iníciase nas loitas político-sindicais da época.
En unión do seu irmán Julio Trigo López, e doutros compañeiros, fundou o Partido Ortodoxo en Santiago de las Vegas. Posteriormente organizou a célula insurreccional en Calabazar. A través da súa persoa captouse a Florentino Fernández León, naquela época militar do exército da ditadura, mediante o cal adquiriron os uniformes e gran cantidade de parque utilizados nos asaltos aos cuarteis Moncada, de Santiago de Cuba, e Carlos Manuel de Céspedes, de Bayamo.
No predio onde vivía, realizáronse distintas prácticas de tiro polos compañeiros do Movemento liderado por Fidel Castro. Participou, o 28 de xaneiro de 1953, no memorábel Desfile de las Antorchas, e o 26 de xullo, no asalto ao Cuartel Moncada, logrando saír con vida. Ao chegar á Habana foi detido, mais posto en liberdade, ao non probarse a súa participación nesa xesta.
Cooperou coas compañeiras Melba Hernández e Haydee Santamaría tras a súa liberación. Ao saír Fidel Castro da prisión, estivo á súa disposición, até que este marchou a México. A súa crecente participación nas actividades contra a ditadura de Batista provocaron reiteradas detencións e feches en calabozos. Por todo iso, saíu como exiliado até o triunfo da Revolución, e regresou o 9 de xaneiro de 1959.
Foi fundador das Milicias Nacionais Revolucionarias no aeroporto José Martí. Cando a invasión por Praia Girón, e durante a Crise de Outubro, mantívose acuartelado nesta instalación. Desempeñou varias responsabilidades nos sectores de aviación e minaría. Tamén cumpriu importantes misións no servizo exterior, en Checoslovaquia, no Estado español e en Bulgaria. Ademais, ostenta a condición de Fundador do Partido Comunista de Cuba.
Polos servizos prestados, recibiu diferentes condecoracións, dentro das que se destacan as medallas Combatente da Loita Clandestina e as conmemorativas por 10, 20, 30, 40, 50 e 60 aniversarios das FAR, 28 de Setembro, Enrique Hart, 50 Aniversario dos Órganos da Seguridade do Estado, entre outros importantes recoñecementos. Por decisión familiar, o seu cadáver será cremado, e as súas cinzas serán depositadas, con posterioridade, no panteón familiar do Cemiterio de Calabazar, en Boyeros, A Habana.

