A Federación de Asociacións de Residentes Cubanos no Estado reclama o fin do bloqueo estadounidense á illa
A reunión desenvolvida en Vilaboa serviu para facer un balance das actividades desenvolvidas no últimos tres anos en apoio e solidariedade con Cuba, onde destacaron o envío a illa de 14 toneladas de donativos dirixidos a centros de saúde, proxectos sociais e institucións.
As asociacións emitiron un comunicado ao final do encontro onde reclamaron "o fin do bloqueo, económico, comercial e financeiro, cruel e ilegal imposto á Illa" e denunciaron "a inxusta inclusión de Cuba na lista de países que supostamente patrocinan o terrorismo".
As entidades indicaron no seu chamado que o obxectivo do bloqueo é "asfixiar economicamente ao país, ocasionando grandes carencias e dificultades ás familias cubanas e provocar un cambio de Goberno".
O encontro serviu para rexeitar "categoricamente as campañas de difamación contra o labor humanitario desenvolvido pola cooperación médica cubana en diversos países, a cal foi recoñecida mundialmente polo seu altruísmo e internacionalismo".
Os colectivos de residentes cubanos no Estado denunciaron "a tendencia da extrema dereita no Parlamento europeo influenciada por Estados Unidos a entorpecer as relacións de Cuba coa Unión Europea, e os acordos existentes entre ambas as partes".
Apoio a Palestina
O encontro fechouse coa aprobación dunha resolución en solidariedade cos "lexítimos dereitos do pobo de palestino" e contra o "xenocidio" que está perpetrando o Estado sionista.