Esta segunda feira faleceu a causa dun infarto o coruñés Miguel López, moi coñecido nas redes sociais polos seus chíos como 'Hematocrítico', segundo anunciaron fontes da súa contorna e confirmou a través das redes sociais súa parella, a escritora Ledicia Costas. López, que tiña 47 anos, era escritor de libros infantís e xuvenís e profesor. Ademais, o coruñés tamén colaboraba en programas de radio e televisión, así como con diversas revistas.
Desde un dolor inmenso tengo que contaros que esta tarde se ha ido @hematocritico, mi compañero de vida y la persona más maravillosa que se ha cruzado en mi camino. Estés donde estés ahora mismo, GRACIAS ❤️
— Ledicia Costas (@LediciaCostas) November 27, 2023
Xerais lamentou o pasamento de López, que publicou nesta editorial libros como Feliz feroz. O lobiño riquiño (2016), Axente Riciños (2016) e O lobo con botas (2018), ilustrados por Alberto Vázquez; Rapunzel con piollos (2019), Alcaldesa vermella (2020), Vaia cabuxiño! (2021), Axente Riciños. Misión Princesa (2022) e Morto de fame (2023), ilustrados por Mar Villar; e A media hora dos recreos (2020) e Campións do mundo (2020), ilustrados por Albert Monteys.
En 2021 nace en Xerais a serie 'Os Hematiños', ilustrada por Alberto Vázquez, que leva cinco títulos publicados: Un can (2021), O meu irmono (2021), Gaivota gourmet (2022), Oso banda (2022) e Unha unicornia (2023). Na colección 'Sopa de Libros' é autor da novela Dona problemas (2023).
"O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de Hematocrítico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato", escribiu a editorial na súa conta de X.
O equipo de Xerais lamenta profundamente o pasamento de @hematocritico e quere trasladar o seu agarimo á súa familia e seres queridos. Recordarémoste sempre cun sorriso. Grazas, Hemato. pic.twitter.com/blnQnW0GCn
— Xerais (@Xerais) November 27, 2023
A de Xerais é unha das múltiples condolencias que están inzando no serán da segunda feira as redes sociais, con palabras de cariño e agradecemento ao docente, cuxos libros gozan de grande acollida entre a rapazada.