Dous mariñeiros falecidos e oito feridos dun atuneiro galego que estaba a ser reparado en Seychelles

O 'Albacora 4'. (Foto: Ministerio de Pesca)
O Albacora Catro é un atuneiro conxelador que opera nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

Dous tripulantes do Albacora Catro, atuneiro con porto en Vigo, faleceron na tarde da cuarta feira por unha fuga de amoníaco na embarcación producida en Seychelles, durante unha reparación en porto.

O Albacora Catro é un atuneiro conxelador que opera nos océanos Atlántico, Índico e Pacífico.

Segundo informan fontes do sector marítimo a Europa  Press, os falecidos son un tripulante galego e outro asturiano.

Fontes do Goberno español trasladaron a Europa Press que ademais dos dous falecidos, ambos residentes en Vigo, hai oito tripulantes feridos.

Estes foron atendidos polo centro do Instituto Social da Mariña (ISM) na zona e foron trasladados a un hospital cercano, acompañados de persoal sanitario do ISM.

A embarcación conta cunha eslora de 83 metros e a súa alta definitiva produciuse en 1989. Este pesqueiro foi secuestrado no ano 2000 fronte aos costas de Somalia, cando pertencía a unha compañía vasca.

Esta cuarta feira cumpríanse catro meses desde que o pesqueiro galego Vila de Pitanxo afundise no mar de Terranova, a 450 quilómetros da costa do Canadá, deixando 3 sobreviventes e 21 falecidos, entre corpos recuperados e desaparecidos no mar após o naufraxio.

Primeiras reaccións

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, afirmou que segue con "atención" as informacións que chegan sobre o Albacora Catro.

Nas súas redes sociais, Sánchez mostrou o seu "apoio e cariño" as familias, e os "mellores desexos para as oito persoas que resultaron feridas". 

Pola súa parte, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, lamentou "de novo, un tráxico accidente no mar". Tamén tivo palabras de "apoio e solidariedade" para as familias e amizades dos mariñeiros falecidos e do resto da tripulación.

"Unha fonda aperta de ánimo a todos e todas as traballadoras do mar", concluíu Pontón.