Após o naufraxio do 'Vila de Pitanxo'

Unanimidade no Parlamento para exixir un reforzo no sistema de alertas en sinistros marítimos

A proposta foi presentada polo BNG após se producise o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' no mar de Terranova, que deixou en evidencia algunhas das deficiencias no ámbito da seguridade marítima.

O 'Praia Menduíña 2", que participou no rescate dos mariñeiros do 'Pitanxo'. (Foto: Paul Daly/Europa Press)
photo_camera O 'Praia Menduíña 2", que participou no rescate dos mariñeiros do 'Pitanxo'. (Foto: Paul Daly/Europa Press)

O Parlamento galego aprobou por unanimidade unha proposta do Bloque Nacionalista Galego (BNG) para instar a Xunta que demande á Dirección Xeral da Mariña Mercante reforzar o sistema de alertas en sinistros marítimos.

A proposta foi presentada após se producise o naufraxio do 'Vila de Pitanxo' no mar de Terranova, que deixou en evidencia algunhas das deficiencias no ámbito da seguridade marítima.

En concreto, o Bloque pediu a elaboración dunha mensaxe (alerta rápida) para ser radiado de forma continua como "aviso a navegantes", no que se lembre o preceptivo cumprimento do Regulamento de Comunicacións Marítimas de 2006 para a activación e emisión de alertas de socorro en chamada selectiva dixital, en función da zona marítima na que faenen ou naveguen os distintos buques.

Así mesmo, a iniciativa, aprobada na Comisión de Pesca, chama o Goberno galego á posta en marcha dunha campaña de concienciación dirixida a patróns e mariñeiros sobre os perigos da navegación e a súa prevención.

Cumprimento rigoroso da lexislación marítima

A portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, advertiu durante a súa intervención que, após o tráxico afundimento do 'Villa de  Pitanxo', é necesario que as administracións incidan no cumprimento rigoroso da lexislación marítima, de forma que se teñan en conta as recomendacións da Comisión Permanente de Accidentes e Incidentes Marítimos ( Ciaim).

Neste sentido, a deputada nacionalista considera necesario que Mariña Mercante "poña todo o acento necesario para tratar de evitar cantos máis sinistros mellor".

Puxo o exemplo de que a Dirección Xeral de Tráfico lembra aos condutores continuamente as normas que hai que cumprir a través das súas campañas preventivas.

Comentarios