Exixen responsabilidade ás residentes de Madrid que chegan á Galiza nestes días

Bañistas na praia de Silgar, coa vila de Sanxenxo ao fondo (Imaxe: Wikimedia).
Ao tempo que se abren cada vez máis persianas nas segundas residencias de Sanxenxo ou Viveiro, medra a preocupación dalgunhas veciñas por un posíbel aumento de contaxios por coronavirus. As autoridades sanitarias piden ás visitantes que chegan desde Madrid ou outras áreas que extremen as precaucións e que cumpran cunha corentena preventiva.

A pesar das recomendacións do Ministerio de Sanidade de evitar desprazamentos innecesarias, e da petición expresa ás residentes de todo o Estado en Madrid, a comunidade con máis casos de doentes da COVID-19, de non viaxar a áreas con un menor número de casos, galegas emigradas, madrileñas ou vascas chegaron nos últimos días ao país.

Após a suspensión das aulas nas universidades e a implantación do teletraballo en varias compañías, cidadás da comunidade con segundas residencias na Galiza decidiron adiantar as súas viaxes anuais.

Os desprazamentos están a provocar malestar en veciñas dos municipios nos que se concentran segundas vivendas. Unha preocupación presente nas conversas ou compartida en mensaxes nas redes sociais. 

Rías Baixas

Un traballador dunha cafetaría de Sanxenxo, Javier, explica que na rúa se percibe algo máis de movemento. "Pero onde maís se nota é nos supermercados e onde se concentran as segundas residencias. Cada vez ábrense máis ventás", explica.

Este veciño comparte a súa preocupación. "Paréceme unha decisión irresponsábel", expresa. Heládio Outeiro, concelleiro do BNG no Grove, matiza que espera que as persoas que presenten síntomas "sigan as recomendacións das autoridades sanitarias e cumpran cos protocolos quedando na casa".
"Hai un murmurio xeralizado desde que zonas como San Vicente ou A Toxa comezaron a encherse de propietarias e hai algo de preocupación", comparte. 

A Mariña

Luisa, unha traballadora do Concello de Ribadeo, explica que nas comarcas da Mariña tamén subiron as persianas de segundas residencias da zona. "Ao centro de saúde de Ribadeo achegouse polo menos unha visitante que pediu ser atendida porque pensaba que tiña os síntomas, sen facer caso ao protocolo", salienta. "Nesta situación hai que gardar a tranquilidade e, sobre todo, ser responsábeis, temos que recordar que o teletraballo ou que se suspendan as clases non equivale a unhas vacacións", matiza Luisa.

Xosé, un veciño de Foz que prefire non compartir o seu verdadeiro nome, explica que desde a pasada fin de semana "comezaron a chegar coches na zona". "Eu fun traballar ao meu estabelecemento e ves a moita xente na rúa, por aquí hai moita segunda residencia", puntualiza.

Desde Viveiro, Borxa conta que coñece unha traballadora que limpa pisos ás donas de segundas residencias na contorna e que nos últimos días esta recibiu varios encargos de familias que preparan a súa chegada desde Madrid. "Cando, normalmente, por esta época non veñen por aquí", engade. 

Responsabilidade

Na cuarta feira, o presidente da Xunta da Galiza, Alberte Núñez Feixoo, anunciou "recomendacións explícitas" para as residentes en Madrid que se desprazaron a Galiza. As autoridades tamén demandan as recén chegadas que extremen as precaucións e que cumpran corentena preventiva aínda que non presenten os síntomas da enfermidade COVID-19. 

En Murcia, o presidente do Executivo, Fernando López Mirás, anunciou que desde a pasada sexta feira as persoas desprazadas até os municipios turísticos deberán permanecer confinadas nas súas vivendas durante catorce días. "Estamos falando da saúde das persoas, ningunha destas medidas é opcionais", afirmou. "Estamos sendo testemuñas de comportamentos fóra de lugar, que poñen en perigo a todas", engadiu López Mirás.