Saúde

Sanidade insta ao "illamento social" e confirma 112 casos de coronavirus na Galiza

Estación de ferrocarril de Compostela (Arxina)
 45 son da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou de que, até as 18 horas, hai 112 casos de coronavirus confirmados na Galiza, deles deles 45 son da área da Coruña, 6 da de Lugo, 14 da de Ourense, 11 da de Pontevedra, 20 da área de Vigo, 12 da de Santiago, e 4 da de Ferrol

Do total de pacientes positivos, 7 permanecen en UCI, 26 están en unidades de hospitalización e 79 no domicilio. Por outra banda, rexistráronxe xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña.

Por outra banda, rexistráronxe xa as tres primeiras altas de pacientes, no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. O número de probas realizadas polo Sergas até actualidade foi de 784, segundo estes últimos datos.

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, instou esta sexta feira ao "illamento social", aínda que "non total", e a evitar espazos pechados ou outros abertos con aglomeración de persoas. Fíxoo tras unha visita ás dependencias da Xefatura Territorial de Sanidade na Coruña e nunha comparecencia xunto á xefa territorial, Cristina Pérez, e o responsable de Alertas Epidemiolóxicas da citada xefatura, Manuel do Valle.

Preguntado se cre que deben posporse os comicios galegos, dixo que, no seu caso, non pode pronunciarse a este respecto. Con todo, lembrou que os cálculos existentes estiman que o pico de máis incidencia do coronavirus sitúese "na primeira e segunda semana de abril".

O conselleiro insistiu en que, nestes momentos, trabállase "nunha fase de contención" do virus e na importancia, por iso, do diagnóstico durante a mesma. A este respecto, lembrou que desde esta quinta feira as probas que dan positivo xa non se remiten a Madrid, senón que o diagnóstico "definitivo" faise desde a Galiza. Ademais, precisou que só se envían os casos "dubidosos" co obxectivo de "axilizar" os diagnósticos.

Na súa comparecencia, Almuiña quixo tamén lanzar unha mensaxe de tranquilidade á cidadanía, insistindo en que se dispón de "medios" e que se está "reforzando" o 061, os servizos preventivos e de urxencias, así como "potenciando as camas de UCI". Sobre isto, e preguntado polas queixas polos problemas na atención no telefóno habilitado, incidiu en que "neste momento estanse case triplicado as chamadas do día da gripe cando houbo máis". Con todo, insistiu na posta en marcha de medidas de aumento de persoal e do espazo da central de chamadas na Estrada. "E seguirase incrementando", sentenciou o conselleiro, quen, ante calquera dúbida, instou a consultar a páxina web da Consellaría.

Posíbel alerta sanitaria

Mentres, preguntado por se na Galiza adoptarase a alerta sanitaria como en Euskadi, Almuiña admitiu que "en todo momento está a escribirse o libro", sobre os cambios que se introducen en relación ás medidas preventivas en pouco tempo.

Así, o conselleiro de Sanidade avogou por ir "día a día" e vendo a "evolución", aínda que considerou "previsíbel" que a situación "excepcional" de Euskadi poida darse "nunhas semanas". "Estamos preparándonos con dotación de persoal e equipamentos", engadiu.

En canto ás medidas que se están adoptando, citou a compra de 70.000 máscaras ou a "resposta bastante rápida para facer as probas en casa", que situou en "un ou dous días". Por outra banda, dixo que nos próximos días" colocarán cristais de protección nos centros de saúde para reducir as posibilidades de contaxio nas dependencias de atención ao público.

Medidas de autoprotección

A Consellaría de Sanidade reiterou que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

O Sergas pon a disposición da cidadanía unha páxina web (https://coronavirus.sergas.es), na que se pode consultar información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e para outros colectivos.

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública aconsellan adoptar as medidas de "autoprotección e limitación da diseminación do vírus común a calquera infección respiratoria, como a gripe". Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano (preferentemente desbotábel) ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.