Educación pon nos centros a decisión de que o profesorado traballe ou non desde o centro

Representantes sindicais na Consellería de Educación, a onde se desprazaron esta sexta para pedir unha reunión. Non foron atendidos e chamouse á policía para expulsalos.

O principal sindicato do sector, CIG, fala de medidas “irresponsábeis” e de “desprezo ao profesorado”.

Representantes das catro organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Educación (CIG-Ensino, CCOO, ANPE e FeSP-UGT Galiza) diríxense esta sexta feira á sede da Consellaría de Educación en San Caetano para solicitar unha xuntanza e demandar que a Xunta modifique as instrucións emitidas esta quinta feira por mor da crise sanitaria do Covid-19. 

Non foron recibidos pola conselleira mais a Consellaría sacou unhas novas instrucións por mor do coranavirus deixando nas mans das direccións a asistencia do profesorado aos centros a partir da segunda feira. "Tan só un minuto antes de que publicaran novas medidas e instrucións na páxina web dous representantes da administración entregáronnos o novo documento que segue sen conter un pronunciamento claro sobre o peche total dos centros a partir do luns. Pola contra, deixa nas mans dos equipos directivos permitirlle ao persoal docente e non docente ter que estar presencialmente alí", indican desde  CIG-Ensino, sindicato maioritario.

"Aínda que o contido destas novas instrucións supón unha rectificación da Consellaría froito da presión exercida polo persoal docente nos centros, que hoxe aprobou numerosas resolucións de claustro negándose a ter que asistir aos centros para non ser foco de contaxio do Covid-19, na CIG-Ensino consideramos que esta resolución é irresponsábel e supón unha deixadez de funcións por parte das autoridades educativas", apontan desde esta central.