Un exército contra a Covid: así actúa o sistema inmunitario fronte ao coronavirus

Vacinación contra a Covid-19 (Foto: Arxina).
O sistema inmune revelouse como un escenariuo chave na loita contra a Covid. Anticorpos e memoria inmunitaria traballan da man para protexernos fronte a enfermidade grave, a hospitalización e a morte. A través das vacinas e da infección natural, esporeada polo avance de Ómicron. Que pegada deixan e como funcionan?

As persoas que se contaxian de Covid despois de recibir a pauta completa da vacina adquiren unha 'superinmunidade'. Unha inmunización híbrida, que segundo a Sociedade Española de Inmunoloxía é unha inmunidade mellor.

Esta evidencia está na base do cambio de criterio que o Goberno do Estado anunciou esta terza feira. Despois de rebaixar a catro semanas o tempo de espera das persoas vacinadas que veñen de pasar a infección para recibir a dose de reforzo pendente, as autoridades sanitarias acordaron adiar a terceira dose até os cinco meses.

Esta mudanza afecta ás persoas menores de 65 anos, pero esténdese tamén á poboación menor de idade, xa que as crianzas menores de 11 anos que tamén se contaxiaran e aínda non recibiran ningunha vacina, tan só terán que levar unha picada.

A decisión conta coa aprobación da comunidade experta en inmunoloxía, moi crítica con algunhas decisións dos gobernos polo que se refire á estratexia de vacinación.

"Tanto a Sociedade Española de Inmunoloxía como a EMA e a OMS levan tempo dicindo que non é necesario nin sostíbel para poboación xeral seguir administrando vacinas cada poucos meses", explica a Nós Diario a profesora e catedrática de Inmunoloxía África González. "Hai que priorizar as persoas máis vulnerábeis, xa que a vacina no prevén os contaxios de Ómicron".
Desde logo, engade, non parecen necesarias doses de recordo nin en crianzas nin en xente moza, "xa que a infección adoita ser bastante leve".

A cuarta dose

Un estudo preliminar en Israel apunta que a cuarta dose, inoculada xa nese país, é insuficiente para frear o contaxio de Ómicron. A estratexia de repetición non demostra o resultado esperado, e o que nos indica é que "estes reforzos deben centrarse naquelas persoas ás que van beneficiar", sinala González. "Os datos de Israel indican que a vacinación reiterada coa mesma vacina, incluso coa mesma dose, segue sen protexer do contaxio. É o momento de pensar en vacinas multivariante, de maior duración", alenta.
Mentres non chegan, a estratexia debe centrarse en quen aínda non recibiu ningunha dose e tamén nas "persoas maiores, inmunocomprometidas, inmunodeficientes, con síndrome de Down".

Pola contra, aclara, nunha persoa adulta con dúas doses e que vén de pasar a infección non urxe unha terceira. "Depende da súa idade, pero se é nova e sa, como xa tivo tres exposicións ao virus, non sería necesaria. En calquera caso, desde a infección deben transcorrer varios meses, entre cinco e seis, para deixar descansar o sistema inmunitario".

Polo que se refire ás crianzas de entre 5 e 11 anos, África González lembra que adoitan ter unha enfermidade moi leve, "polo que se xa pasaron a infección, a vacinación non parece necesaria. Evitaría a enfermidade grave, pero non os contaxios".

Sobreestimulación do sistema inmune

"O sistema inmunitario funciona como un exército con moitos soldados". Se se activa de forma frecuente, sen dar tempo a que repouse, o único que se consegue é que estean cansos. "Exhaustos", precisa González. "O máis importante é deixar intervalos de tempo entre unha dose e outra ou tras superar unha infección" e permitir así que este preparado.

O mellor exemplo, apunta, está no calendario vacinal das crianzas acabadas de nacer. "Adminístranselles aos dous, catro e 11 meses. Déixanse pasar sete desde a segunda á terceira dose. Estudos previos indican que unha demora de seis meses era o idóneo, xa que se seguía mantendo memoria durante ese tempo".

Superinmunidade

A finais do ano pasado un estudo desenvolvido por un grupo de científicos nos Estados Unidos concluíu que o contaxio, malia a protección do fármaco, é posíbel debido á perda de anticorpos, e confirmou que a infección natural xera unha resposta inmunitaria complementaria, máis robusta á hora de neutralizar o virus. A canda as vacinas, ofrece unha 'superinmunidade'.

Segundo explica a este xornal a investigadora do CINBIO, vacina e infección natural "activan tanto a inmunidade celular como humoral, o que ocorre é que a vacina só ten unha proteína, a  S, e por tanto a resposta é máis restritiva". O virus ten máis proteínas, "polo que a infección pode activar inmunidade fronte a varias proteínas á vez (S, N, etc.)", destaca África González. 

Onde se libra a batalla contra a Covid, afirman os expertos en inmunoloxía, é no sistema inmunitario. Aí, as células B e as células T traballan da man. As primeiras son as encargadas de xerar anticorpos neutralizantes fronte ao coronavirus. "Disminúen co tempo, pero non así a inmunidade celular T nin las células de memoria".

Perdemos anticorpos pero non inmunidade

Ao perder os anticorpos podemos contaxiarnos, asevera África González, "pero en cuestión de tres ou catro días, esa memoria ponse en marcha e xeramos anticorpos de novo ao tempo que as células T eliminan as células infectadas. A infección resólvese en poucos días".

A memoria das células T protexe da enfermidade grave fronte a todas as variantes que comezan a circular. "Recoñecen as estruturas internas do virus que non cambian ademais da proteína S. E é posíbel que o sigan facendo con novas variantes". Tardan un pouco máis en actuar, pero son as que axudan a resolver a infección, a controlar a doenza grave e a previr secuelas e morte.

As vacinas do futuro

"Necesitamos vacinas efectivas para variantes diferentes que protexan dos contaxios e fagan perdurar a inmunidade". A OMS xa se expresou neste sentido. Cómpren novos fármacos que interrompan unha administración reiterada das primeiras vacinas contra a Covid.

Unha solicitude á que as persoas expertas en inmunoloxía engaden a oportunidade de incorporar estudos de inmunidade. "Pode estudarse a inmunidade celular e humoral", di África González, especialmente no caso dos grupos máis vulnerábeis da poboación co obxectivo de "personalizar" e adaptar a vacinación "ao momento idóneo de acordo co tratamento que estea tomando para que sexa máis eficaz".

A inmunoloxía reclama o seu espazo

E aínda máis, inciden na creación dun centro estatal de inmunoloxía, "non só para a Covid", tamén de cara ao diagnóstico, seguimento, prevención e terapia doutras patoloxías. 

"Estamos reclamando este centro así como ser interlocutores na comisión de vacinas do Ministerio, onde, paradoxalmente, a inmunoloxía non está representada", conclúe África González.