sábado 29/01/22

A variante Ómicron non será a derradeira: A OMS non descarta unha "máis mortal"

"Canto máis circule o virus, máis posibilidades hai de que xurda unha nova variante máis mortal", resalta o doutor Bruce Aylward, asesor da Organización Mundial da Saúde (OMS).
O doutor Bruce Aylward durante unha comparecencia. (Foto: OMS)
O doutor Bruce Aylward durante unha comparecencia. (Foto: OMS)

A Organización Mundial da Saúde (OMS) non dá por rematada a aparición de variantes do coronavirus coa Ómicron nin coa nova cepa detectada en Francia. De feito, advirte de que canto máis tempo haxa circulación do virus, máis posibilidades hai de dar cunha variedade que incremente a mortalidade.

Así o sinalou o asesor sénior da institución Bruce Aylward, que incidiu en que "Ómicron probabelmente non será a última variante da Covid-19".

O doutor fixo estas declaracións nunha comparecencia pública esta cuarta feira, 12 de xaneiro, na que engadiu: "Non o sabemos aínda, pero canto máis circule o virus, máis posibilidades hai que de que xurda unha nova variante máis mortal que Ómicron".

Sen fases escaladas

Semella que en consecuencia, a organización négase a considerar que a Covid-19 pasa a unha fase de endemia máis que de pandemia.

"Non haberá unha situación endémica nun país mentres no resto do mundo segue habendo unha pandemia. Así non é como funciona. O que pasará na primavera depende de nós. O coronavirus farase endémico, non hai dúbida diso, pero non estamos aí aínda. Estamos en metade dunha pandemia", alertou a epidemióloga líder da OMS, Maria van Kerkhove.

Neste sentido, desde a OMS aclararon que máis do 85% da poboación do continente africano non recibiu nin unha soa picada dos fármacos contra o virus. Polo tanto, non se pode considerar que o cambio está en marcha.

"Non é o momento de declarar que este virus é benvido", abundou o director executivo do Programa de Emerxencias da entidade, Mike Ryan, que destacou que non se pode dar por aceptado "ningún virus que mate á xente".

15 millóns de positivos

"Aínda que as vacinas seguen sendo moi eficaces para previr a enfermidade grave pola Covid-19 e a morte, non impiden totalmente a transmisión", declarou, pola súa parte, o director xeral da OMS, Tedros Adhanom Ghebreyesus, preocupado pola notificación de máis de 15 millóns de novos positivos en todo o mundo só a semana pasada.

"Unha maior transmisión significa máis hospitalizacións, máis mortes, máis persoas sen traballo, incluídos profesores e traballadores sanitarios, e máis risco de que xurda outra variante aínda máis transmisíbel e máis mortal que Ómicron", resumiu.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

A variante Ómicron non será a derradeira: A OMS non descarta unha "máis mortal"
comentarios