A ex conselleira Marta Fernández Currás ficha pola eléctrica de Luis de Valdivia

Marta Fernández Currás, na súa etapa de secretaria de Estado de Orzamentos con Mariano Raxoi (Foto: Europa Press).
Ábrense novas portas xiratorias no negocio eólico na Galiza. A enerxética coruñesa Ecoener anunciou esta sexta feira a incorporación ao seu consello de administración da antiga titular de Facenda de Núñez Feixoo, Marta Fernández Currás. A ex conselleira segue así o camiño doutros responsábeis da Xunta con cargos directivos nas compañías eléctricas. 

Ecoener enmarcou a fichaxe de Fernández Currás para o seu consello de administración dentro da “política da sociedade de incorporar os mellores profesionais, neste caso para reforzar o bo goberno corporativo, nesta etapa de forte crecemento". Neste sentido, desde a compañía sinalaron que este nomeamento reforza o seu bo goberno debido á "gran traxectoria profesional"  e destacaron "a súa formación e a súa valía persoal".

A nova conselleira de Econer desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional no sector público. Licenciada en Ciencias Empresariais pola Universidade de Santiago, interventora xeral da Xunta da Galiza, conselleira de Facenda entre 2009 e 2011 e secretaria de Estado de Orzamentos no primeiro Goberno de Mariano Raxoi, saltou do Executivo estatal para a empresa privada como socia-directora da auditora Ernst & Young. 

Ecoener conta cunha potencia instalada de 141,2 megawatts (MW). Á cabeza sitúase a produción eólica, con 72,6 MW en parques localizados maiormente nas Illas Canarias pero tamén en Guatemala e Galiza. A continuación atópase a enerxía hidráulica, con 52,4 MW en funcionamento, a maioría dos cales na Galiza, agás unha instalación en Guatemala. A xeración solar fecha a carteira de activos da compañía, con 16,2 MW nunha planta en Llanos del Sur, nas proximidades da cidade de Choluteca, en Honduras.

Luis de Valdivia

O primeiro accionista da compañía e actual presidente é Luis Castro de Valdivia, que actualmente se fai chamar Luis de Valdivia. Foi investigado pola Fiscalía, acusado de trato de favor pola Xunta da Galiza, nos últimos anos da etapa de Manuel Fraga á fronte do Goberno galego, coincidindo coa presenza na Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas do seu cuñado, Ramón Ordás Badía. Segundo recolleu o Ministerio Público nunha instrución de 2007, na etapa de Ordás na Xunta, entre 1999 e 2005, Luis de Valdivia obtivo autorizacións para construír nove centrais hidroeléctricas e sete parques eólicos.

A fundación de Ecoener remóntanse a 1988 pero non é até a etapa de Ordás na Xunta da Galiza cando a compañía comeza a representar algo no sector enerxético galego. A este respecto, a propia Fiscalía ten recoñecido que a actividade empresarial de Luis de Valdivia “recibe un forte impulso” a partir de 1999, ano do nomeamento do seu cuñado como director xeral de Industria, Enerxía e Minas. Tanto é así, que en 1999 Castro só está vinculado a tres sociedades enerxéticas e en 2005, ano do cese de Ordás, a un mínimo de 45.

As conexións de Ecoener e Luis de Valdivia co PP chegan até hoxe. Sen ir máis lonxe, no consello de administración da compañía sentan dous antigos ministros do Partido Popular, Eduardo Serra e Ana de Palacio, outros exemplos de portas xiratorias no sector enerxético como Fernández Currás. Neste caso, a antiga conselleira de Facenda segue o camiño da súa antiga compañeira de Gabinete, Beatriz Mato, directiva da empresa Greenalia.  

As reclamacións do ecoloxismo

O nomeamento de Fernández Currás fíxose público esta sexta feira, o mesmo día en que diversos colectivos afectados polos proxectos eólicos reclamaron a nova conselleira de Economía e Industria da Xunta da Galiza María Jesús Lourenzá “dialogar para atopar  solucións á desastrosa xestión do departamento durante a xefatura de Francisco Conde, e acordar un desenvolvemento  eólico sostíbel”.

Pola súa parte, a asociación ecoloxista Adega anunciou esta sexta feira a apertura de dúas recollidas de fondos para recorrer xudicialmente os proxectos eólicos Alvite II, en Mazaricos, Negreira e Santa Comba e Outeiro Grande, na Estrada e Forcarei. Estas novas accións xudiciais sitúanse na liña das xa comezadas pola entidade ecoloxista contra outras instalacións enerxéticas.