Xuízo do Alvia

O ex director xeral de Adif descarga toda a responsabilidade do sinistro no maquinista e en Renfe

Alfonso Ochoa entrando na Cidade da Cultura. (Foto: Europa Press)
“Que cada pau aguante a súa vela”, espetou o antigo cargo de Adif cando foi preguntado pola responsabilidade de avaliar o peso do factor humano na condución do tren.

O ex director de Operacións e Enxeñaría de Adif Alfonso Ochoa, no cargo cando ocorreu o accidente do Alvia na curva de Angrois (Santiago de Compostela), declarou esta quinta feira na Cidade da Cultura, no marco da oitava xornada do xuízo no que están acusados o maquinista e o antigo director de Seguridade de Adif, Andrés Cortabitarte.

Na súa declaración, Ochoa non dubidou en sinalar o maquinista, Francisco Garzón, como responsábel directo do accidente que ocasionou 80 mortes e deixou máis de 140 persoas feridas. “Se tivese freado catro segundos antes, o tren non descarrilaría”, aseverou o ex dirixente de Adif.

Tamén asegurou que o sistema de control de velocidade ERTMS, que non foi instalado no tramo de vía no que tivo lugar o sinistro, non garantía que o maquinista frease o convoi a tempo. Ochoa contradixo así a intervención desta terza feira dunha traballadora de Thales, empresa coencargada de instalar o ERTMS na liña Ourense-Santiago, que sostivo que a ausencia deste sistema na curva da Grandeira provocou que o Alvia non freara.

“Que cada pau aguante a súa vela”, espetou o antigo cargo de Adif cando foi preguntado pola responsabilidade de avaliar o peso do factor humano na condución do tren. Ochoa sinalou que debe ser Renfe quen leve a cabo este traballo, e que Adif só “ten que avaliar o factor humano das persoas que traballan para Adif”.

Sistemas de seguridade na vía e no convoi

Alfonso Ochoa tamén valorou a decisión de non instalar o sistema ERTMS en toda a liña Ourense-Santiago, aplicándoo só até o quilómetro 80 e non até a estación da capital galega, tal e como nun primeiro momento estaba proxectado. Na súa opinión, a decisión foi “correcta”.

Porén, Ochoa defendeu que a decisión non dependeu de Adif, senón  do Ministerio de Fomento. En canto ao sistema ERTMS do interior dos convois, que no momento do accidente non estaba vixente por provocar interferencias nos trens, afirmou que soubo da súa desconexión o mesmo día que se levou a cabo, despois de que Cortabitarte lle enviase un correo.

En calquera caso, sostivo que non depende de Adif o tempo en que o sistema de seguridade embarcado siga desconectado, e asegurou que non foi consciente de se Renfe, como responsábel do mecanismo ERTMS no interior dos trens, trasladou a Adif as alternativas que propoñía a compañía Bombardier para liquidar as incidencias.

"Se o equipo embarcado é de Renfe, por que intervén Adif?", inquiriulle o avogado do Estado. "O posto de mando ten que saber en que condicións circula o tren", respondeu Ochoa, para despois matizar que Adif só é responsábel no que atinxe á "circulación", por cuestións de "capacidade", pero non "á seguridade".