Verbenas con persoas de pé e festivais de até 10.000 asistentes para este verán

O Festival de gran formato en Bueu, SonRías Baixas no pasado verán. (Foto: Festival SonRías Baixas)
A Xunta está a traballar en dous protocolos hixiénico-sanitarios diferenciados segundo o número de persoas que se levarán a cabo este verán 

Eventos de até 1.000 persoas de pé e 10.000 sentadas en recintos de gran tamaño, en ambos, sempre con máscara en todo momento e rexistro de asistentes. Estes son os protocolos que está a traballar a Xunta, “dialogados co sector”, para poder realizar eventos culturais este verán.

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, explicaba na xornada de onte que se estableceron dous protocolos diferenciados en función do número de persoas que congreguen ditos eventos.

Ademais, o titular de Cultura explicou que o próximo 19 de xuño realizaranse probas piloto en cinco municipios galegos para avaliar a aplicación nestes escenarios das medidas, que poderían ser efectivas desde principios de verán.

Por iso, chamou aos concellos, as asociacións de festas e as empresas organizadoras de eventos culturais a "empezar a traballar neste escenario" co mantemento das medidas hixiénico-sanitarias e avanzou que os protocolos "publicaranse nun breve espazo de tempo", tras o que poderán ser efectivos. En todo caso, sinalou que polo momento existe un marco  regulatorio en vigor para os eventos culturais que foi posto en marcha o pasado verán.

Así mesmo, indicou que o Ministerio de Cultura e Deporte traballa para desenvolver un protocolo para estes actos que se prevé que se faga público a próxima semana, polo que procederá a analizalo para "evitar contradicións" coas medidas expostas polo Goberno galego.

 

Protocolos segundo o número de asistentes

En concreto, Román Rodríguez precisou que se estableceron medidas diferenciadas para dous tipos de eventos, os que congreguen ata 1.000 persoas e os que reúnan ata 5.000, unha cifra que, se as características do recinto permíteno, pode incrementarse ata as 10.000.

No primeiro caso englóbanse as verbenas, as festas patronais das cidades e os concertos de pequeno tamaño, que poderán celebrarse en recintos ao aire libre que poderán ocupar até a metade da súa capacidade. Nestes eventos requirirase un rexistro de asistentes e permitirase que o público estea de pé, así como que os convivistes poidan bailar entre eles. Con todo, non será posible o consumo de bebidas ou alimentos.

En canto aos eventos de máis de 1.000 persoas, entre os que se inclúen festivais e concertos multitudinarios, os asistentes estarán limitados a 5.000 "con carácter xeral", pero poderán incrementarse até os 10.000 en espazos con características determinadas e de gran tamaño, como o parque vigués de Castrelos e o Monte  do Gozo compostelán.

Nestes actos, o público deberá estar sentado en cadeiras que se numerarán e que deberán situarse a unha distancia de 1,5 metros unas doutras. Tamén será preciso contar cun rexistro de asistentes e os grupos limitaranse a seis persoas.

Nos eventos de gran tamaño deberán realizarse células de 1.000 persoas sentadas que deberán contar con entradas e saídas diferenciadas e manter a distancia e as medidas hixiénico-sanitarias. Neste caso, permitirase o consumo de bebidas e os recintos poderán ocupar ata un terzo da súa superficie, que se calculará con tres metros cadrados por persoa.