A Xunta inxectará 23 millóns á cultura no primeiro trimestre do ano para "manter" a actividade e o emprego

Galiza presentará proxectos culturais aos fondos europeos, mais espera a "coñecer as liñas estratéxicas" que debulle o Ministerio. 

Román Rodríguez ofrece declaracións aos medios tras manter unha reunión de traballo
cos presidentes do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez;
Real Academia  Galega,  Victor Freixanes; Real Academia  Galega de  Belas
Artes, Manuel Quintana  Martelo.
photo_camera Román Rodríguez ofrece declaracións aos medios tras manter unha reunión de traballo coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; Real Academia Galega, Víctor Freixanes; Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.

A Xunta prevé ampliar o plan de reactivación da cultura cunha inxección de 23 millóns de euros no primeiro trimestre deste 2021, co obxectivo de "manter" a actividade, o tecido empresarial e o emprego do sector.

Así o avanzou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, tras unha reunión en Santiago de Compostela co secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e os presidentes do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes; e da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA), Manuel Quintana Martelo.

Tras este encontro na Cidade da Cultura, que serviu para facer "un pequeno diagnóstico" da situación do sector após un 2020 "difícil", o conselleiro explicou que o seu departamento traballa en estratexias tanto a curto como a medio-longo prazo.

No curto prazo, a Xunta pretende "manter e reforzar" o plan de reactivación aprobado na primavera do pasado ano, que "tivo unha execución moi importante" con 4.500 iniciativas postas en marcha. Así, avanzou que no primeiro trimestre deste 2021 haberá un conxunto de "ordes" por 23 millóns de euros que se licitarán "de forma practicamente inmediata", coa perspectiva de que continúen durante os próximos meses.

"Vanse inxectar, fundamentalmente, cunha orientación de manter a actividade e que iso sirva para manter as estruturas produtivas, o emprego e a cultura dentro dos formatos adaptados" e para "fomentar a creación, sobre todo dos mozos", e "o consumo", explicou Rodríguez.

Así mesmo, lembrou que xunto a estas liñas haberá outras xerais, como é o segundo plan de subvencións para autónomos e pequenas e medianas empresas, no que a Xunta investirá 75 millóns coa previsión de que estea en marcha ao longo deste mes -é o mesmo que engloba os apoios á hostalaría-.

Fondos Europeos

No medio e longo prazo, a Consellaría traballa para identificar e deseñar aqueles proxectos que poden acollerse aos fondos de recuperación da Unión Europea Next Generation. Serán iniciativas "sustentábeis", que "incentiven a actividade cultural" e "fomenten a industria e a produción".

Preguntado sobre se a Xunta xa identificou algún proxecto para presentar a este instrumento comunitario, Román Rodríguez dixo que espera "a coñecer as liñas estratéxicas" que debulle o Ministerio de Cultura.

Non obstante, explicou que as liñas "xenéricas" que expón a Comisión Europea para os fondos de recuperación pivotan sobre tres eixos: a dixitalización da cultura, os novos formatos creativos e pautas de consumo, e a recuperación do patrimonio desde "unha perspectiva sustentábel".

Un 2020 "difícil"

Todo isto enmárcase nun 2021 tras un 2020 "difícil para o mundo da cultura", tal e como recoñeceu o conselleiro, aínda que indicou que hai agora unha "apertura de oportunidades vinculadas ao deseño de plans de fomento e de potenciación" do sector, como efectivamente favorecen os fondos Next Generation.

Rodríguez destacou que esta semana se aprobaron no Parlamento da Galiza os novos orzamentos da Xunta, que inclúen partidas expostas, precisamente, para "reforzar o apoio ao mundo cultural".

Un sector que apenas se "recuperou" da anterior crise

Na mesma rolda de prensa, a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, confirmou a preocupación "sempre" patente desta institución polo sector, tal e como o estivo ao longo do ano 2020 "co conxunto de informes" presentados sobre o impacto da pandemia.

De feito, Álvarez sinalou que a cultura asume a crise actual "sen apenas recuperarse da anterior". Por iso, manifestou a súa "disposición para contribuír a deseñar ese plan estratéxico" para os próximos anos con ese obxectivo de "revitalizar" a cultura.

Pola súa banda, o presidente da RAG destacou a vontade da Consellaría de "escoitar" a todo o espectro da cultura e propuxo o lanzamento de "concursos de ideas creativas, novas, pensando nas novas linguaxes e nas novas xeracións".

"Creo que é por aí por onde hai que profundar. O resto sería xogar á defensiva e creo que xogando á defensiva non conseguimos nada", advertiu Víctor F. Freixanes.

Finalmente, o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes manifestou que acoden a estas reunións para pór enriba da mesa a súa "achegar e colaboración" co obxectivo de "saír desta crise" na que está mergullada a cultura.

Comentarios