Bea Camiña: "Certo tipo de eventos, en concreto os masificados, tardarán moito en regresar"

Bea Camiña é unha das responsábeis da proposta escénica "Elas son artistas" que desde 2018 dá a coñecer o traballo de mulleres creadoras nun amplo espazo xeográfico da área metropolitana da Coruña. A  paixón pola música determinou a súa profesión coa creación dunha axencia de comunicación e produción que xestiona eventos dentro e fóra da Galiza.  
Bea Camiña, comunicadora cultural e codirectora do Festival "Elas Son Artistas" (Nós Diario)
photo_camera Bea Camiña, comunicadora cultural e codirectora do Festival "Elas Son Artistas" (Foto: Nós Diario)

Como entra a traballar profesionalmente no mundo da música, cal foi o seu camiño persoal?

Eu comecei hai algo máis de dez anos escribindo nunha páxina web que se centraba, daquela, en sacar artigos variados sobre novidades musicais, entrevistas, reseñas, crónicas de concertos... e como consecuencia desta actividade, terminei facendo produción de eventos e espectáculos na Coruña porque de sempre me gustou saber o que hai detrás de cada proxecto, neste caso eran concertos, xiras, festivais... Despois completei a miña formación con varios cursos de comunicación e a día de hoxe, dedícome á xestión, comunicación e produción cultural en varios festivais e proxectos tanto en aquí como fóra da Galiza desde a miña axencia Produtriz.

Como nace o festival "Elas son artistas" e cales foron os obxectivos que levaron á súa creación como o coñecemos?

O proxecto do Festival Metropolitano de Música e Artes pola Igualdade, "Elas Son Artistas" xorde no ano 2017 grazas a un Premio Luisa Villalta da Deputación da Coruña. Os obxectivos principais desde esa primeira edición foron poñer en valor o talento feminino en todas as artes, ofrecer referentes a nenas e mozas que teñan inquedanzas nas artes, fomentar a participación do público interesado na cultura e rachar coas barreiras administrativas. A día de hoxe, cunha cuarta edición en curso, este proxecto reconvertido en ciclo, chega a oito concellos da área metropolitana.

Estase normalizando o papel da muller no eido musical? Refírome non só ás artistas, tamén a todas as que están detrás dos espectáculos.

Sobre a normalización do papel na muller, musicalmente hai un gran avance respecto a 20 ou 30 anos atrás. Hai un torrente creativo e de calidade excepcional, e estase achandando o camiño e non só enriba dos escenarios, senón tamén detrás. "Elas Son Artistas" visibiliza e dinamiza proxectos que contribúen a romper cos estereotipos e as desigualdades de xénero, xa que por iso, tamén no marco do festival, contamos cunhas conferencias profesionais celebradas no Pazo de Mariñán impartidas polo consello comarcal da Coruña coa asistencia de técnicas e técnicos municipais de cultura e igualdade, xestoras e xestores culturais e artistas para elaborar un manual sobre "Boas prácticas cara a igualdade no sector Cultural".

En xeral, valórase o traballo que hai atrás dos escenarios?  

Por suposto! Valórase tanto internamente como externamente, e aquí inclúo ao público, axencias de contratación, institucións, artistas... Teño a sorte de traballar en varios proxectos e con equipos moi diferentes, e na gran maioría somos mulleres as que nos ocupamos de aspectos como coordinación, produción, patrocinios...

Pensa que unha vez pasada a pandemia os concertos e as actuacións musicais, nos seus múltiples formatos, serán como os coñecíamos ou mudarán como consecuencia da experiencia que estamos a vivir? 

A verdade? Penso que certo tipo de eventos, en concreto os masificados, tardarán moito en regresar. Agora mesmo a oferta cultural é bastante alta, o público continúa demandando máis música e máis concertos, a pesar de que algúns deles son complexos de gozar desde unha cadeira ou unha butaca. 

Somos un sector exemplar e desde o ano pasado implantamos medidas e protocolos de seguridade sanitarios como a toma de temperatura, os  dispensadores de xel, a distancia..., demais de adaptar festivais como ciclo de concertos, por exemplo, que será o que teñamos tamén ao longo deste verán.

Comentarios