O Eume volve dar mostras de turbidez

Novo episodio de turbidez no río Eume o 1 de decembro (Imaxe: Colectivo Terra).
O Colectivo Terra amosa nunhas fotografías a cor abrancazada das súas augas e a rotura da barreira instalada pola Xunta.

As augas do río Eume volveron amosar signos de turbidez esta semana, tal e como reflicte unha fotografía do Colectivo Terra, de Potedeume. Nela apréciase que a barreira de contención instalada pola Xunta o pasado 11 de outubro rompeu por mor da corrente.

Entón, o nivel de turbidez impediu á veciñanza da localidade consumir a auga da billa e a Administración galega viuse na obriga de declarar a situación de emerxencia sobre o río.

A finais do mes de setembro o baixo nivel das augas do encoro do Eume, xestionado por Endesa, permitiu saír a flote os sedimentos depositados no fondo. Poucas xornadas despois o río comezou a amosar unha cor abrancazada.

Augas da Galiza, dependente da Consellaría de Medio Ambiente, comezou a investigar o 8 de outubro unha posíbel vertedura.

Segundo Augas da Galiza, as analíticas amosaron unha turbidez moi alta no caudal do Eume. A maiores, informou dunha presenza elevada de aluminio, que Endesa cualificou de "normal".

No pleno parlamentar do 10 de novembro, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asegurou que o expediente aberto a Endesa por este episodio segue a súa tramitación a expensas de determinar a contía da sanción.

Na súa comparecencia, Vázquez reivindicou as obras de renovación da estación de tratamento de auga potábel de Pontedeume. Os rozamentos de 2021 reservan 400.000 euros para este fin.