O Eume chegou a multiplicar por 100 os valores de turbidez das súas augas

A Xunta investiga a orixe da turbidez das augas do Eume mentres a poboación de Pontedeume espera recuperar o consumo da billa (Iago Varela).
Primeira reunión da comisión de seguimento da emerxencia declarada após o episodio de contaminación que afecta ás augas do río Eume.

A primeira reunión da comisión de seguimento da emerxencia declarada no río Eume deu a coñecer, de forma oficial, detalles do episodio de turbidez que desde hai máis de dez días afecta a veciñanza de Pontedeume de forma directa, privada do consumo de auga da billa, e, en xeral, a toda a comarca, pola pegada ambiental da contaminación cuxa orixe estuda a Xunta e apunta cara a explotación do encoro por parte de Endesa.

A xuntanza, convocada por Augas da Galiza, contou coa participación de representantes deste organismo, da xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente e técnicos de Patrimonio Natural, ademais de representantes do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar), dos concellos de Pontedeume e Cabanas, de Endesa e de Viaqua concesionaria do servizo municipal de augas.

 Segundo Augas da Galiza, as analíticas amosan unha turbidez moi alta no caudal do Eume. Neste sentido, indicou que os controis chegaron a marcar até 100 NTU -unidade estándar par aa medición da turbidez-, cando o límite fluvial é 25 e os valores normais do Eume se sitúan en 1,12. Na mesma liña, informou dunha presenza elevada de aluminio, que a hidroeléctrica responsábel do encoro do Eume cualificou de "normal".

Rebaixa da cota do encoro

 Doutra banda, Augas da Galiza expuxo o interese da empresa enerxética en rebaixar a cota mínima do encoro do Eume, fixada en 306 metros. A compañía presentou varias solicitudes que a Administración non considerou, e malia todo, recoñeceu, Endesa actuou pola súa conta deixando a cota en 299 metros o día 28 de agosto, sete metros por debaixo do límite mínimo estabelecido, o valor máis baixo rexistrado desde o ano 1985.

Endesa asegurou que a contaminación do Eume é un episodio excepcional derivado da posta en marcha dos desaugadoiros do fondo do encoro, que non permite manter os niveis de turbidez en valores normais. Neste sentido, defendeu que 90% dos sedimentos removidos pola chuvia que agora arrastra o río non é tóxico, mais sen revelar  o contido nin o prexuízo do 10% restante.

Impacto ambiental

Pola súa parte, técnicos de Patrimonio Natural da Xunta comunicaron que, polo momento, non se detectou mortaldade animal na contorna do Eume, mentres que desde o Intecmar manteñen certa cautela á hora de avaliar o impacto dos lodos nos bancos marisqueiros. Aseguran que aínda é cedo para anticipar posíbeis danos e que haberá que esperar  unha nova toma de mostras para saber se pode haber perdas.

Auga potábel

Mentres, o Concello de Pontedeume espera o visto bo de Sanidade para restabelecer a subministración de auga potábel. As analíticas devolven parámetros compatíbeis co consumo humano, mais cómpre este último requisito administrativo mentres a empresa concesionaria do servizo municipal axiliza os trámites para acometer os traballos de mellora da planta potabilizadora da localidade, á que a Xunta destinou 1,5 millóns de euros

Maior transparencia

Iago Varela, concelleiro de Medio Ambiente do Concello de Cabanas reclamou ante a comisión de seguimento do Eume maior transparencia e preocupación polo impacto ambiental da contaminación que rexistra o seu caudal e un estudo dos danos que episodio pode chegar a causar en todos os sectores produtivos, especialmente no marisqueiro, co fin de habilitar posíbeis axudas aos colectivos afectados polo asentamento dos lodos.