Un estudo sitúa a Galiza entre os destinos preferidos polas turistas españolas este verán

Castro de Fazouro, en Foz (Turismo da Galiza).
O informe apunta que a maior parte das persoas que planificaran unha viaxe dentro do Estado (60%) manterá a súa intención, mentres que o 25% das persoas con viaxes internacionais previstos considera cambiar de destino.

Como se van comportar as persoas residentes no estado Español á hora de elixir un destino de vacacións na nova normalidade xurdida pola COVID-19? Un estudo no que participa a Universidade de Santiago de Compostela (USC) apunta a Canarias, Andalucía e Galiza como os territorios máis demandados.

As conclusións do informe extráense das máis de 850 enquisas realizadas en todo o territorio español, a partir dunha pregunta inicial: planificou vostede algunha viaxe para os próximos meses? "Cando se lles pregunta polos principais atractivos turísticos, as persoas apostan polo sol, a praia, a cultura e mais a natureza como principais motivos para elixir destino", detallan as investigadoras.

"O estudo constata que as persoas que responderon a enquisa non teñen intención, en liñas xerais, de renunciar ao turismo como parte da súa axenda de ocio, aínda que amosan o seu propósito de apostar, na medida do posíbel, polos destinos próximos e no conxunto do territorio do Estado, para contribuír á recuperación económica do sector", explica o profesor Jakson Renner Rodrigues Soares, do Departamento de Organización de Empresas e Comercialización da USC. 

Portugal e Italia

Esta investigación, na que participa o Grupo de Investigación Turismo, Economía e Sustentabilidade da Universidade Estadual do Ceará no Brasil, tamén amosa as novas preocupacións sobre a seguridade no espazo elixido, a súa inquedanza ante posíbeis doenzas endémicas do lugar e o interese sobre a calidade do sistema sanitario da rexión á que se vaia viaxar.

 

O informe apunta que a maior parte das persoas que planificaran unha viaxe dentro do Estado (60%) manterá a súa intención, mentres que o 25% das persoas con viaxes internacionais previstos considera cambiar de destino. "Portugal e Italia tamén son vistos como destinos á alza nas viaxes post COVID-19", di Rodrigues Soares. 

Diante destes resultados, as investigadoras optan por fomentar nichos de turismo interno concretos que antes se procuraban no exterior por descoñecemento.