Sindicatos da sanidade piden reforzar o persoal ante un posíbel rebrote

A AP-9 no seu paso por Chapela (Imaxe: Tomás Rodríguez)
As análises de expertos da saúde pública que asesoraron á Xunta na escolla da data das eleccións prevén un repunte dos contaxios coa chegada do turismo. "Multiplícase a poboación, pero os sanitarios son os mesmos e os centros son os mesmos", advirten as centrais sindicais.

Nun escenario incerto e curto a medio prazo, os profesionais da sanidade pública que analizaron a evolución da pandemia na Galiza de cara á convocatoria electoral prevén un posíbel rebrote da COVID-19 a partir de mediados de xullo. Coa previsíbel chegada de turistas doutras áreas do Estado nese mes, sindicatos e agrupacións sanitarias salientan a importancia da detección de novos casos para evitar un novo pico da enfermidade.

Cuestionados pola capacidade do sistema sanitario galego de absorber a demanda asistencial das visitantes, as representantes das traballadoras neste eido achegan valoracións diferentes. Algunhas amósanse positivas a raíz da experiencia adquirida polo persoal e da capacidade da sanidade pública. Outras temen unha nova sobrecarga para as traballadoras e alertan das dificultades de que se respecten as medidas de seguridade nas aglomeracións de xente.

Entendemos que non haberá suficientes profesionais para atender esa demanda engadida, afirma María Xosé Abuín (CIG)

A voceira de CIG-Sanidade, María Xosé Abuín, apunta a que a chegada do turismo coincide co calendario de vacacións do persoal  durante a aplicación dos protocolos de atención á COVID-19. "Prorrogaron o contrato dos médicos internos residentes (MIR), mais entendemos que non haberá suficientes profesionais para atender esa demanda engadida", analiza.

Javier Martínez, de UXT, tamén alerta das dificultades que pode atopar o sistema sanitario para facer fronte a un rebrote. "No verán multiplícase a poboación, pero os sanitarios son os mesmos e os centros son os mesmos", expón, engadindo que moitos deles non están estruturalmente preparados para atender doentes con sospeita da COVID-19 e pacientes con outras consultas.

Multiplícase a poboación, pero os sanitarios son os mesmos, advirte Javier Martínez (UXT)

A súa homóloga en CCOO, Emilia Lamas, amósase máis optimista. "É certo que esta situación xerou conflitos, a raíz da improvisación á hora de traballar, mais agora a experiencia das profesionais é maior", expón, matizando que a chave radicará na rápida detección e contención de novos contaxios pola COVID-19 e a sobrecarga asistencial podería producirse "nas áreas con maior afluencia, como a Mariña ou o Salnés".

Agora a experiencia das profesionais é maior, valora Emilia Lamas (CCOO)

"Sempre falamos de previsións, e é difícil supor o volume de casos que se poden desenvolver", advirte Jesús Sueiro, voceiro da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec). Sueiro debulla dous horizontes: "Se a poboación actúa de maneira responsábel e detectamos rapidamente os contaxios penso que se poderán asumir os casos, se non somos quen de identificalos, illalos e se volve espallar a enfermidade a situación pode ser tremenda". 

Se hai responsabilidade e detectamos rapidamente os contaxios, penso que se poderán asumir os casos, analiza Jesús Sueiro (Agamfec)

Atención Primaria

A sobrecarga nos meses estivais é, segundo María Xosé Abuín, habitual. Tanto ela como Javier Martínez reclaman un reforzo do persoal, facendo fincapé no eido da Atención Primaria e, especialmente, no persoal de enfermaría. Martínez tamén engade a necesidade de levar a cabo inspeccións laborais nos servizos de limpeza, privatizados, así como instalos a contratar a máis profesionais.

En tanto, Emilia Lamas apunta á necesidade específica das áreas máis turísticas. "Sempre pedimos reforzos, agora máis, pero penso que outras áreas están máis capacitadas", engade. Para Jesús Sueiro resulta fundamental o reforzo das profesionais encargadas dos rastrexos. "Tal vez  non é tanto o aumento de recursos sanitarios senón da procura de contactos", valora o doutor.