Estes son os nomes e apelidos máis comúns na Galiza

Manuel e María del Carmen son os máis frecuentes. (Foto: Nós Diario)
Segundo o INE, no país hai máis de 68.426 persoas que responden ao nome de Manuel e outras 60.035 que se chaman María del Carmen.

Manuel e María del Carmen seguen a ser os nomes máis frecuentes na Galiza, mentres que Sofía e Mateo foron os máis postos durante o ano 2020.

Así se desprende da consulta do padrón municipal publicada esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), uns datos referidos ao 1 de xaneiro de 2021, con información ao remate de 2020.

Nomes masculinos

En concreto, Manuel é o nome máis frecuente no país, cun total de 68.426 persoas que o teñen no documento de identidade.

Na circunscrición da Coruña, Manuel repítese 27.867 veces; e hai 19.722 José; 17.127 persoas responden a José Manuel; 12.126, a Antonio; 11.130, a José Antonio, e 9.557 persoas chámanse José Luis.

Mentres, en Pontevedra repártense da seguinte maneira: Manuel (22.831), José (15.585), José Manuel (10.865), Antonio (9.430) e David (8.068).

Pola súa parte, en Ourense o máis repetido tamén é Manuel (8.518), seguido de José (7.091), Antonio (5.373), José Manuel (3.532) e José Luis (2.990).

Finalmente, en Lugo hai 9.210 Manuel, 7.968 José; 4.489 Antonio; 4.435 José Manuel; e 4.264 Jesús.

Nomes femininos

No que atinxe ás mulleres, o nome máis repetido é o de María del Carmen, con 60.035 galegas que figuran no padrón con ese nome.

Na Coruña os máis frecuentes son: María del Carmen (27.428), María (18.278), Carmen (12.054), María Dolores (8.868) e María José (8.170).

En Pontevedra tamén é María del Carmen o nome máis común, con 20.439 persoas; seguida de Carmen (11.325), María Dolores (6.354) e María del Pilar (6.135).

En Ourense hai rexistradas, segundo os últimos datos do padrón, 5.123 María del Carmen; 4.841 María; 3.039 Carmen; 2.789 Josefa; e 2.539 Rosa.

E en Lugo mantense María del Carmen na primeira posición, con 7.045 rexistros; seguida de 4.246 María; 3.099 mulleres con nome Carmen; 2.527 Josefa; e 2.246 María José.

Os apelidos máis frecuentes

A estatística publicada esta terza feira polo INE tamén recolle os apelidos máis frecuentes. Lideran a listaxe na Coruña os García, con 36.148; mentres que en Lugo fican á fronte da táboa os López, con 23.178.

En Pontevedra os máis numerosos son os Rodríguez, que suman 38.421 rexistros, do mesmo modo que acontece en Ourense, onde se impoñen os Rodríguez con 20.960 persoas que teñen ese apelido.

Os nomes máis repetidos en 2020

Os nomes máis postos durante 2020 aos 7.730 nenos nados ese ano foron Mateo (275), Martín (234), Lucas (220), Hugo (209), Leo (175), Enzo (146), Gael (146), Manuel (145), Daniel (111), Brais (108).

A respecto das 7.482 nenas nadas, elixíronse como nomes, por esta orde, Sofía (216), Noa (185), Martina (159), Lara (151), Valeria (138), Lucía (119), Daniela (117), Sara (111), Vega (111) e Beira (111).