O Estado non fixa como obrigatorio o exame de galego na ABAU

Estudantes a piques de comezar a ABAU na Universidade de Santiago de Compostela, en 2022. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Ministerio elimina a proba de madurez do selectivo.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional eliminou a proba de madurez e as preguntas tipo test previstas para a nova Avaliación do Bacharelato para o Acceso á Universidade (ABAU). 

A proba de madurez proposta inicialmente polo Departamento da ministra Pilar Alegría constaba dunha serie de documentos arredor dun mesmo tema (de actualidade, humanístico, científico...) relacionado coas materias de carácter obrigatorio. Con esta proba pretendíase que o alumnado demostrase non só coñecementos, senón tamén as capacidades adquiridas, seguindo o modelo de ensinanza aprendizaxe proposto pola lei educativa en vigor, a Lomloe.

Da mesma maneira, aumentou o tempo de realización dos exercicios, pasando de 90 minutos a 105 minutos, xa que, segundo xustifica o Ministerio, "ten en conta a lectura do exercicio, a súa análise e produción".

Así o reflicte o proxecto de Real Decreto polo que se regulan as características básicas da proba de acceso á Universidade para o curso 2023-2024 e estabelécese o procedemento de cálculo da cualificación de acceso, ao que tivo acceso Nós Diario e que o Ministerio de Educación e FP enviou onte aos Gobernos das comunidades autónomas. 

A proba de lingua galega fica en mans da Xunta

Outro dos cambios que inclúe o proxecto de Real Decreto é que o alumnado, no momento de matricularse na proba de acceso, escollerá entre examinarse de Historia de España ou Historia da Filosofía. 

Ademais, nas comunidades con dúas linguas oficiais, o borrador determina que "a Administración educativa poderá estabelecer a obrigatoriedade" dun exercicio referido á materia, no caso da Galiza, Lingua Galega e Literatura II. Deixa así en mans dos Gobernos dos territorios con lingua propias a decisión de avaliar, ou non, o estudantado das correspondentes linguas oficiais

Modelo transitorio

Non obstante, segundo explicita o borrador, o período de transitoriedade cara ao modelo definitivo non desaparece e non está descartado que no futuro se poida volver incluír a proba de madurez. Co obxectivo de acadar o maior consenso posíbel, o ministerio aprazou un ano a nova ABAU polo que a proba estaría completamente instaurada en xuño de 2028. 

O novo proxecto de Real Decreto xustifica que "se debe evita ro risco de producir cambios a maior velocidade da que o sistema é quen de procesar, especialmente tendo en conta que o proceso de incorporación ás aulas dos novos enfoques metodolóxicos" que propón a Lomloe farase de "maneira paulatina". Tamén engade que se levará un proceso temporal intermedio "até estar en condicións de chegar a un modelo definitivo no cal o enfoque competencia da proba sexa completo".

Críticas da Consellaría

O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, criticou onte o borrador, que considerou "unha bomba de fragmentación que terá que corrixir o novo Goberno". O conselleiro mostrouse convencido de que o proxecto "nace morto e transitorio". É por isto que gabou a decisión das Administracións autonómicas gobernadas polo PP de "non colaborar co proxecto", xa que entende que "non hai unha idea clara" do que pretendía o ministerio.