Galiza sitúase á cola do Estado español en investimento educativo per cápita

Segundo os datos que vén de facer públicos a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef, organismo de control fiscal creado polo Estado co obxectivo de "garantir a estabilidade orzamentaria"), a Galiza atópase á cola do Estado en investimento educativo.  As últimas cifras da Airef -referidas a 2021- indican que o gasto en educación por habitante na Galiza sitúase en 995 euros ao ano -60 euros por baixo da media do conxunto do Estado español, fixada en 1055 euros-.
grafico 02
photo_camera O galego é o cuarto Goberno autonómico no Estado que menos inviste en Educación por residente. (Nós Diario)

As cifras achegadas pola Airef, procedentes da Intervención Xeral da Administración do  Estado (IXAE), dependente do Ministerio de Facenda, certifican que só Asturias, Madrid e Castela e León gastan menos que Galiza. Así, a primeira delas destina á ensinanza 899 euros por habitante, a segunda 938 euros por habitante e a terceira 958 euros por habitante. Nesta dirección, a fenda do país con outros territorios resulta crónica, porén tense incrementado nas últimas anualidades.

O investimento educativo por habitante na Galiza é 494 euros inferior ao de Euskadi, 299 euros inferior ao de Nafarroa, 164 euros inferior ao de Andalucía, 163 euros inferior ao de Cantabria, 160 euros inferior ao de Murcia, 149 euros inferior ao de Estremadura e 111 euros inferior ao do Paìs Valenciá. Ao tempo, tamén, gastan máis en educación que Galiza comunidades autónomas como Castela-A Mancha, Canarias, Illes Balears ou Aragón.

Situación que se cronifica

A situación de 2021 non ofrece grandes novidades en relación coa última década. Así, o gasto educativo por habitante foi inferior en 40 euros á media do Estado en 2012, en 33 euros a  2013, en 38 euros a 2014, en 51 euros a 2015, en 36 euros a 2016, en 34 euros a 2017, en 48 euros a 2018, en 60 euros a 2019 e en 50 euros a 2020. 
A este respecto, só en 2006, 2007 e 2008, co Goberno de coalición entre PSdeG e BNG dirixindo a Xunta, se produciron destacados incrementos no orzamento educativo, con alzas de 7,80% para o primeiro exercicio, de 8,50% para o segundo e de 8,46% para o terceiro.

A fenda entre o investimento educativo da Galiza e a media do Estado rexistra máximos históricos. A este respecto, o secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello, sinala a Nós Diario que “os orzamentos da Xunta da Galiza medraron desde o ano 2001 en 24,8% porén o investimento educativo só o fixo en 11,8%. De feito, o total das contas incrementouse tres puntos máis que o gasto educativo”. 

Nesta liña, Bermello destaca que “mentres se reducen en 11,8% as achegas para o ensino público, os fondos para os centros concertados increméntanse en 26,6%, duplicando por tanto a variación total para a Consellaría de Educación”.

Galiza perdeu 146 centros públicos desde 2009

A caída do investimento educativo está a provocar recortes neste servizo. Así, Galiza perdeu 146 centros educativos públicos desde o retorno do Partido Popular ao Goberno galego en 2009, pasando de 1.246 centros escolares de titularidade pública en 2008 a 1.082 ao comezo deste ano. 

Na mesma dirección, no curso actual suprimíronse 866 prazas de docentes, destacando os recortes entre os mestres de Infantil e Primaria. Así, o número de ensinantes sitúase por baixo da cifra de 2009.

A dispersión xeográfica encarece o custo da prestación educativa na Galiza. Neste sentido, Bermello apunta que “no país hai un gasto enorme en transporte e comedores, moi por riba da media do Estado, como consecuencia da dispersión xeográfica”. “Contamos cunha poboación moi dispersa que obriga a dispor dunha ampla rede de transporte”, continúa o responsábel do sindicato maioritario no sector. Bermello explica que “isto repercute de maneira importante no gasto educativo”. Ademais, denuncia que “a Xunta sobe moi por baixo do Índice de Prezos de Consumo (IPC) o orzamento destinado a comedores.

Neste ano, incrementouno en 5%, unha cifra inferior á alza dos prezos”. A propia Xunta da Galiza ten recoñecido o impacto da dispersión xeográfica nos custos do sistema educativo. A este respecto, o Goberno galego indica que a dispersión xera un gasto de 214,9 millóns de euros ao ano e un custo engadido de 87,5 millóns de euros en transporte escolar e de 25,2 millóns en comedores escolares.

Comentarios