O Estado arquiva o expediente para o parque eólico mariño de San Cibrao por "carencias formais"

Explotación eólica no mar, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Saitec / Europa Press)
A Asociación Ecoloxista Adega foi a encargada de transmitir este revés para Iberdrola ao ter acceso a documentación sobre o procedemento. O sector pesqueiro era un dos máis preocupados pola iniciativa, se ben aínda segue activa a do polígono de San Brandán e a multinacional pode presentar recurso de alzada contra a decisión do Ministerio para a Transición Ecolóxica.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica confirmou á Asociación Ecoloxista Adega que o expediente da solicitude feita pola eléctrica Iberdrola para instalar un parque eólico mariño na costa cantábrica galega, á altura de San Cibrao, vén de quedar arquivado.

Así o explicou a entidade a través do seu Twitter, onde distribuíu unha mensaxe falando só da anulación "do trámite de consultas para a determinación do alcance do estudo de impacto ambiental" da explotación.

Adega fala de "causas sobrevidas" ou "carencias formais" e achega unha imaxe da documentación. A realidade é que se está facendo unha análise do proxecto orixinal.

Nese escrito, o Goberno español declara "o remate do procedemento por imposibilidade material de continualo por causas sobrevidas co conseguinte arquivo do expediente" ao respecto do posíbel informe sobre o dano ou non que causaría a instalación dos aeroxeradores no medio mariño.

Así ponse freo a un proxecto "cunha potencial total de 490Mw e á súa liña de evacuación a subestacións terrestres na Galiza". En calquera caso, este plan eólico non pode darse por fechado de forma definitiva porque Transición Ecolóxica recoñece que cabe "recurso de alzada ante o órgano superior xerárquico, no prazo dun mes contado desde a data en que se notifique a presente resolución".

A decisión foi notificada quer a Iberdrola Renovables Galicia S.A., como promotora do negocio, quer á Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas "como órgano substantivo do proxecto".

En pé de guerra

No entanto, semella que polo de agora a iniciativa da multinacional para a zona de San Brandán segue o seu curso.

Os dous proxectos na axenda de Iberdrola xa causaran unha fonda preocupación na sociedade galega, especialmente nalgúns sectores como o ecoloxista e o da pesca, que temía o dano aos bancos pesqueiros do Cantábrico.

Aliás, outras entidades puxeron sobre a mesa o risco que corren algunhas paisaxes se estas propostas chegan a saír adiante.