Xuízo do Alvia

O xuízo do Alvia encara esta quinta feira a súa última sesión até 2023

Vista xeral da sala da Cidade da Cultura na que decorre o xuízo polo accidente do Alvia. (Europa Press)
Dúas persoas están procesadas no xuízo por este sinistro ferroviario: o maquinista, que empezou a frear tarde tras atender unha chamada do interventor ao teléfono corporativo; e o ex director de seguridade de Adif, ao que se lle atribúe a responsabilidade da análise de riscos da liña.

O xuízo polo accidente do tren Alvia encara esta quinta feira a súa última sesión antes de que acabe o ano. Despois, haberá un parón coincidindo coa época do Nadal polo que as comparecencias non se retomarán até o 10 de xaneiro.

En concreto, esta quinta feira 15 de decembro está previsto o comezo da quenda dos peritos co inspector xefe da brigada da Policía Científica da Policía Nacional e outros dous axentes.

Declararán despois das comparecencias desta terza e cuarta feira de dous subordinados de Andrés Cortabitarte, o ex director de seguridade de Adif procesado xunto ao maquinista; un técnico da empresa Ineco, Pedro Luis Ruiz e o actual vicepresidente da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF) Ignacio de Ribera, respectivamente.

Dúas persoas están procesadas no xuízo por este sinistro ferroviario: o maquinista, que empezou a frear tarde tras atender unha chamada do interventor ao teléfono corporativo; e o ex director de seguridade de Adif, ao que se lle atribúe a responsabilidade da análise de riscos da liña.

Ambos están acusados de 80 delitos de homicidio e 145 de lesións por imprudencia profesional grave.

Declaracións dos últimos días

Nos últimos días, varias persoas implicadas no xuízo, deron declaracións a respecto do sinistro. Entre eles o técnico de Ineco, Pedro Luis Ruiz, quen afirmou a respecto do sinistro de Medina del Campo no ano 2008 que "nin sequera chegou a ser categorizado como grave".

En oposición a isto, Antonio Lanchanes, o ex director de seguridade de Renfe, asegurou que a operadora ferroviaria propuxo pór balizas nos cambios significativos de velocidade após ese mesmo sinistro.

Na súa exposición esta cuarta feira, e ás preguntas do avogado do Estado, este técnico de Ineco defendeu que o español é "un dos sistemas ferroviarios máis seguros do mundo, con datos fríos estatísticos, sen ningunha subxectividade".