O Estado incumpre a súa propia moratoria á eólica mariña

Parque eólico mariño East Anglia One, no Reino Unido, operado por Iberdrola (Foto: Iberdrola).
Adega advirte que o parque eólico Nordés foi admitido a trámite após se decretar a moratoria e insta o Goberno de Pedro Sánchez a rexeitar este e outros proxectos en augas galegas até que o sector conte cun marco normativo propio.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco) decretou en xuño de 2021 unha moratoria aos novos proxectos de eólica mariña "até a aprobación polo Goberno dun novo marco normativo para as instalacións de xeración de enerxía eléctrica no mar territorial".

Así o expón o real decreto-lei 12/2021, publicado no Boletín Oficial do Estado (BOE) o 25 de xuño. Porén, segundo consta no seu propio portal de transparencia, o Miteco admitiu a trámite o 30 de novembro de 2021 —e iniciou a fase de consultas o 24 de xaneiro deste mesmo ano— o parque eólico Nordés, impulsado por unha firma madrileña e coa previsión de instalar na costa galega 80 aeroxeradores que reunirían unha potencia total de 1,2 xigawatts (XW).

A Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (Adega) denunciou esta terza feira esta cuestión, advertindo que o Estado está a incumprir "a súa propia moratoria".

"O desenvolvemento da enerxía eólica mariña no Estado español carece dunha planificación propia. Só o real decreto 1028/2007 estabelece os requisitos administrativos, mais non existe unha regulamentación sectorial propia que fixe as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, ou os criterios de exclusión. Unicamente no POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Marítimo), aínda en tramitación, hai referencias, entre moitas outras actividades, ao desenvolvemento da eólica mariña", lamenta Adega.

Precisamente a tramitación do POEM suscitou as críticas do sector pesqueiro, xa que o citado plan estabelece sete zonas de uso prioritario para diferentes actividades, entre as que se atopa a eólica mariña mais non a pesca.

"Aínda que o texto da disposición adicional terceira pola que se estabelecía dita moratoria foi modificado posteriormente para incluir excepcións (apartado 3), o parque Nordés non cumpre os requisitos, xa que non conta con autorización previa nin é unha instalación de investigación", engade o colectivo ecoloxista, nun comunicado de prensa.

En consecuencia, Adega insta o Estado a que "desbote tramitar esta e outras instalacións eólicas no mar da Galiza, en cumprimento das súas propias normas, até que non se aprobe un marco normativo específico para o sector". En caso contrario, salientan os ambientalistas, estaríase a "lexitimar o filibusterismo eólico e consolidar unha desregulamentación de facto, como ten feito Alberto Núñez Feixoo na Galiza coa eólica terrestre".