A escola, moito máis que educación

A Consellaría de Educación propón comezar as aulas o 10 de setembro (Imaxe: Jesús Hellín / Europa Press)
Na mesma xornada na que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, asegurou que se está a "ultimar" o protocolo do regreso ás aulas, un grupo de familias entregou 2.500 sinaturas nas que exixen poder escoller se o alumnado volve aos centros. Docentes e profesionais defenden a presencialidade en declaracións a Nós Diario, sinalando que os cambios nas medidas están a xerar inquedanza nas familias e nas propias crianzas e adolescentes. 

No mes de xullo, a Consellaría de Educación presentou o protocolo de adaptación do ensino non universitario á Covid-19. A folla de ruta do departamento que dirixe Carmen Pomar suscitou numerosas críticas na comunidade educativa. Profesionais e familias reclaman a contratación de profesorado de reforzo e a diminución das ratios do alumnado por aula. Ao tempo, critican que a Xunta delegue a prevención no profesorado, que carece da formación para asumilo nun contexto extraordinario como o da pandemia.

Na xornada de onte, o comité clínico da Xunta debateu o plan proposto por Educación e oficializado en xullo. "Haberá máis risco de contaxio fóra das aulas que dentro das aulas, é un principio básico que determina as nosas actuacións no protocolo e durante o curso lectivo", declarou onte aos medios o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, quen sinalou que se está a "ultimar".

Actualización do protocolo

Núñez Feixoo avanzou que a Xunta continuará a "actualizar" as medidas sanitarias no ensino máis alá do comezo do curso. Mentres, criticou a "improvisación" do Goberno estatal, ao que volveu reclamar un protocolo unificado para todos os territorios.

Pese as mudanzas, que se debaterán hoxe no encontro dos Gobernos territoriais co Estado, non semella que a Xunta vaia integrar a diminución das ratios, unha medida que Carmen Pomar descartou pola falta de espazos. Tampouco a incorporación da enfermeira escolar que reclaman colexios profesionais e asociacións da Galiza, que cuestionan que se delegue a prevención sanitaria no profesorado.

Os docentes e as docentes só temos dúbidas e non podemos planificar o noso traballo, denuncia Patricia Varela

Lonxe de tranquilizar á comunidade educativa, os cambios que a Administración galega estuda incluír, tales como o uso obrigatorio da máscara, acrecentan a súa inseguridade. "Que sairá da reunión de hoxe? Os docentes e as docentes só temos dúbidas e non podemos planificar o noso traballo xa que a Consellaría só se comunica connosco a través de declaracións da prensa. Nós queremos un protocolo que asegure a saúde do alumnado e do profesorado e que permita o ensino presencial nos niveis nos que é imprescindíbel", afirma Patricia Varela, presidenta da Asociación Socio-Pedagóxica Galega e docente, a Nós Diario.

Aprendizaxe a distancia

Na terza feira, docentes de Cangas entregaron 12.0000 sinaturas de apoio á campaña "por unha volta segura na Galiza", que reclama a incorporación de persoal de reforzo ou a dotación de material sanitario aos centros. A maiores, a comparecencia do líder do Executivo galego coincidiu coa entrega de preto de 2.500 firmas recollidas pola plataforma de familias Dereito a un Ensino sen Risco de Pandemia. "Queremos que o alumnado das familias que así o decidan se eduque desde casa. Hai medo ao virus, persoas que non queren expoñelo a un contaxio", di Paula Rúas, integrante da plataforma, que reclama que non se tomen medidas contra quen decida que o alumnado non acuda aos centros escolares.

A Unión Sindical de Inspectores de Educación (Usie) advertiu este mes que "non levar as crianzas ao colexio de maneira preventiva e por decisión propia" non está recollido no ordenamento xurídico estatal e que, polo tanto, podería aplicarse o protocolo de absentismo. Un aviso contra o que protestaron parte das familias.

A Unión Sindical de Inspectores de Educación lembrou que o dereito á saúde prevalece ao de educación "en casos de forza maior"

Segundo a lexislación vixente, a educación non só é obrigatoria entre os 6 e os 16 anos de maneira presencial, senón que ademais é un dereito fundamental das nenas e dos nenos como suxeitos de dereito. O dereito á saúde só prevalecería ao de educación "en casos de forza maior", como lembrou o presidente de Usie, Jesús Marrodán. En tanto, o Ministerio de Educación avanzou que está a estudar un permiso retribuído para as familias con alumnado en corentena. A ministra, Isabel Celaa, declarou que son fórmulas "que hai que articular" e avogou pola formación presencial. 

As familias insisten en que un regreso ás aulas "totalmente inseguro" é unha obriga que consideran "inxusta". Desde ANPAS galegas ou colectivos de docentes din comprender os seus motivos, mais defenden a educación nos centros. "Non todo o alumnado ten as condicións materiais nin a estabilidade necesaria nos seus fogares para seguir un ensino a distancia. Entendemos que haxa quen pida isto, pero non compartimos esta idea”, expuxo a docente Alexandra Cabana.

As familias están moi preocupadas pola falta de previsión, percibe Patricia Varela

"As familias están moi preocupadas pola falta de previsión, se a Consellaría tivese un plan que realmente asegurase a saúde dos seus fillos e fillas habían preferir o ensino presencial", percibe Patricia Varela. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da cuarta feira, día 27, nos quiosques ou na nube]