O sector educativo lémbralle á Xunta as súas competencias de cara ao inicio do curso

Os sindicatos denuncian que a Xunta incumpre a distancias mínimas nas aulas que fixa a OMS.
A poucos días da reincorporación do profesorado aos centros e menos de tres semanas para o inicio do curso escolar multiplícanse as voces que exixen á Xunta que asuma as súas competencias en materia educativa e estabeleza as medidas que dean seguridade sanitaria ao alumnado e o persoal que se incorpore aos centros de ensino en setembro, no canto de ampararse na Administración estatal, á mesma á que lle reclamaba hai uns meses a fin do estado de alarma e a devolución das súas competencias. 

Nunha cousa concordan os distintos axentes implicados no proceso educativo coas últimas declaracións do presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a respecto do inicio do curso escolar: existe unha fonda preocupación, tanto nas familias como no profesorado, por como se presenta setembro nos centros de ensino. Outra cousa é o enfoque.

Na súa comparecencia após a xuntanza co comité clínico do Sergas, o conselleiro de Sanidade e a conselleira de Educación para analizar a evolución epidemiolóxica e valorar medidas ao efecto, Feixoo aludía esta pasada cuarta feira á conciliación das familias e á cuestión económica como os aspectos que máis preocupan á Xunta de cara á volta ás aulas, ademais da situación sanitaria. Nese contexto, reclamaba do Goberno español "criterios claros e homoxéneos" e un protocolo único, "imprescindíbel" para a volta ás aulas.

"A Xunta ten claramente as competencias educativas. Non vale que agora bote balóns fóra pedindo ese protocolo único cando hai tres semanas vendíanos o documento da Consellaría de Educación –que contén as súas directrices para adaptar o inicio do curso ao contexto sanitario– como sólido e avalado polas Autoridades sanitarias" opón, desde a plataforma Profesorado en Pé, unha das súas portavoces, Alexandra Cabana, docente no IES da Terra Chá.

En espera de que teñan lugar a xuntanza sectorial entre o Ministerio de Educación e os Gobernos territoriais para avaliar os mecanismos para unha volta a clase segura, a Federación Galega de Directivos de Centros Públicos tamén censuraba onte as "incertezas" que suma a tardanza na planificación por parte da Xunta e as reformulacións que comezaron estes días, e continuarán previsibelmente unha vez se coñeza o protocolo do Ministerio de Educación.

Os sindicatos do ensino levan desde finais do curso pasado reclamando ao Goberno galego que asuma as súas competencias educativas, e denunciando a súa delegación –pola vía do protocolo– nos centros de ensino, que están chamados a deseñar, de facto, a adaptación da súa actividade  ás circunstancias sanitarias antes de setembro. "É vergoñento que non exerzan as súas funcións, a poucos días de que o profesorado se reincorpore e a poucas semanas do inicio das clases. Que non haxa unha rectificación completa do protocolo é unha temeridade", censura Suso Bermello, secretario nacional de CIG Ensino, a organización maioritaria no sector educativo a nivel galego, despois de coñecer as actuacións anunciadas pola Xunta esta semana para afrontar a volta da actividade escolar perante a evolución da pandemia, e que se resumen na proposta, lanzada ao Goberno central, para facer obrigatorio o uso da máscara por parte do alumnado dentro da aula, unha medida que non incluíu no seu protocolo, publicado hai apenas un mes.  

Chamada á mobilización

Nesta conclusión, o responsábel da CIG fai un chamado para unha "resposta social contundente" contra a actuación da Xunta nesta materia, no caso de que non haxa unha modificación substancial da planificación. "Setembro ten que empezar desde o primeiro día con mobilizacións, concentracións do profesorado, e tamén apelamos as familias, para que dean unha resposta mobilizadora. Non podemos sermos cómplices da neglixencia, irresponsabilidade e temeridade na que cae a Xunta e temos que poñer todo o que estea nas nosas mans para que se tomen medidas básicas, desde a perspectiva sanitaria, para que nas aulas haxa un distanciamento físico que limite no posíbel os contaxios", expón Bermello. 

Asociacións de nais e pais encadradas na Confederación Anpas Galegas lanzaban estes días un manifesto para demandar da Xunta liderado, recursos e pautas coherentes diante "dun próximo futuro que se albisca incerto, inestábel, inseguro, mal organizado e enormemente perigoso para as nosas fillas e fillos, e por extensión para toda a sociedade galega coa que se relacionen, que é practicamente a totalidade", ao tempo que a confederación Confapa elaboraba unha completa batería de cuestións que o protocolo educativo galego deixa no aire.

Para a CIG, as incipientes modificacións que o Goberno galego está a realizar na súa folla de ruta –como a obrigatoridade da máscara ou a decisión de realizar PCR ao profesorado, aínda que non ao persoal non docente, antes da reincorporación– non responden a parámetros sanitarios, senón que buscan "unha coartada para evitar a redución do alumnado por aula", seguindo o que Bermello denomina a "doutrina de custo cero", pola que a Xunta "non quere investir nada en profesorado e non atende as demandas de redución de ratio por aula".

Menos alumnado na aula

Na súa comparecencia de hai dous días, Feixoo apuntou á contratación de 240 docentes e garantiu un máximo de 25 menores por aula desde setembro. "Esa é xa a ratio máxima para o alumnado de Infantil e Primaria. Da declaración poderíamos entender que tamén se vai baixar a de Secundaria e Bacharelato –que chegan ás 32 alumnas e alumnos–, pero é unicamente unha declaración, non ten sustento oficial, e o único que temos por escrito é o protocolo, que non di iso", advirte a integrante de Profesorado en Pé, quen advirte que para rebaixar as ratios "hai que contratar profesorado, e con ese 240 dos que fala o presidente non dan as contas", tendo en conta que Galiza conta con perto de 1.500 centros públicos de ensino non universitario. "Pero ademais, esas contratacións son falsas. Non e unha medida para rebaixar ratios pola Covid-19 senón que é o profesorado que se estabelece na base de matrícula de cada ano para non superar as ratios legais, que chegan a 32", apunta.

"Non toca nin a un cuarto de profesor por centro educativo. É unha medida que non serve para dar resposta ás demandas da comunidade educativa", denunciou onte a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen urxiu medidas "reais e eficaces" para o inicio de curso. Igualmente, desde o PSdeG, o vicesecretario xeral, Pablo Arangüena, reclamou á Xunta que asuma as súas competencias educativas.  

Con todo, as rectificacións ao protocolo son, a ollos da portavoz da plataforma educativa, positivas "porque non hai por onde collelo", mais deben facerse "con xeito" e a tempo, dado que as direccións levan semanas traballando para adaptarse a este documento. "Queremos volver ás aulas e facelo de forma presencial, pero con seguridade e en igualdade, porque se está discriminando a todas as persoas que participan na vida dos centros e estamos falando a unha cuestión que afecta miles de familias e, de forma indirecta, a case toda a poboación, polo que debe ser unha prioridade", opina Cabana. 

[Podes ler a reportaxe íntegra no Nós Diario en papel, á venda a partir da terza feira, día 28, nos quiosques ou na nube]