Unha campaña por unha volta segura ás aulas xunta 12.000 apoios

Profesorado e familias de Cangas simulan, nun acto en xullo, a distancia que propón a Xunta na aula.
Unhas 12.000 sinaturas recollidas a través da plataforma Change.org avalan as demandas que o profesorado do IES Rodeira de Cangas venlle reclamando á Xunta para unha volta segura ás aulas en setembro. 

O docente Sérgio Nunes, impulsor da iniciativa, xunto con máis profesionais que apoian a petición, fará entrega mañá na Delegación da Consellaría de Educación en Pontevedra do  resultado desta acción online, que resume as demandas que, de forma unánime, aprobaran e plasmaran nun manifesto as 91 docentes do centro en xullo. 

Estas pasan por unha redución do alumnado por aula para garantir as distancias de seguridade que recomenda a OMS –un metro entre mesas, metro e medio entre persoas–, dotación de persoal docente e non docente e infraestruturas para facer posíbel esa diminución das ratios, material para que as clases se desenvolvan con seguridade e un acordo coa comunidade escolar sobre medidas pedagóxicas e organizativas para o inicio do curso, ademais da posta en marcha de reformas tecnolóxicas que permitan dar unha resposta "correcta" a un posíbel escenario de confinamento, sexa total ou parcial. 

 "A Consellaría está delegando, porque tiña na súa man aceptar calquera das medidas que propuxemos desde o centro, mais o único que acepta é manterse como se non pasase nada", lamenta Nunes, aludindo ás diferentes propostas organizativas que se trasladaron desde xullo á Inspección, desde a contratación de 2,5 docentes –o número que, segundo analizaron, sería necesario para baixar as ratios a 20 estudantes por aula–, a separación de quendas de mañá e tarde, de acordo coa ANPA, ou o uso de recintos municipais próximos ao centro de ensino.

"O que vemos é que á Consellaría o que lle interesa, porque resulta máis barato e máis fácil, é confinar. Fechando o centro, aforra en persoal de limpeza, en proxectos e contratacións extraordinarias en outubro, como as previstas para o programa PROA… e por iso non acepta ningunha alternativa", razoa.

Reunión interterritorial

A decisión de trasladar agora á Xunta as sinaturas, dentro da campaña #VueltaSegura, coincide coa xuntanza prevista para o día 27 do Ministerio de Educación cos Gobernos territoriais para analizar as actuacións para a volta ás aulas. Con todo, o presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, fixo pública onte a súa intención de manter tanto os prazos como as condicións da presencialidade no reinicio do curso, defendendo, fronte as críticas do BNG e do PSdeG de "inacción", o que as ratios de alumnado-profesorado na Galiza son "bastante razonábeis" e apelando a un "protocolo único", malia que é a Xunta e o resto de gobernos territoriais quen ostentan a competencia educativa. 

 "Tememos que esa xuntanza non vai valer para nada. Todo vai quedar en nada", aventura Chus Míguez, docente tamén no IES Rodeira e parte do profesorado mobilizado para exixir á Xunta a asunción de responsabilidades de cara a setembro, quen argumenta que o protocolo galego para a adaptación do novo curso a setembro "debe ser retirado porque non satisfai ninguén e está pensado para non investir un peso en educación". 

Para seguir presionando por maior seguridade nas aulas, docentes e Consello Escolar retomarán o 1 de setembro as súas concentracións de protesta contra o actual protocolo