O alugueiro, detrás de 81% dos despexos

Stop desafiuzamentos Galiza
O impagamento do aluguer é hoxe, de lonxe, a causa maioritaria dos lanzamentos xudiciais na Galiza, o que se coñece como desafiuzamentos. Distintas entidades de corte social reivindican o apoio mutuo e a acción e a reivindicación como a mellor ferramenta, diante da ineficacia das Administracións ante un problema que é "estrutural, complexo e colectivo".

Na Galiza, catro de cada cinco lanzamentos –o acto polo que se desaloxa unha persoa por orde xudicial, sexa da súa vivenda ou doutra clase de inmóbel– son consecuencia do impagamento do alugueiro. O dato, que corresponde ao informe feito público no día de onte polo Tribunal Superior de Xustiza (TSXG), concreta que dos 445 lanzamentos practicados entre xullo e setembro, 362 (81,3%) foron derivados da aplicación da Lei de Arrendamentos Urbanos; dos restantes, cerca de 17% ten que ver con execucións de hipotecas.

A tendencia vense advertindo desde principio de ano: no primeiro trimestre, os lanzamentos por impagamento de alugueiro xa supoñían 77,5% dos 648 totais, e no segundo foron 76,2%, con 501 dos 657. Malia que as cifras destes períodos, moi superiores ás do ano precedente, están afectadas pola folga xudicial vivida en 2018, que reduciu entre febreiro e maio dese ano o número de dilixencias, a porcentaxe si parece estábel, tendo en conta que xa o ano pasado os despexos por arrendamentos representaron 73% dos practicados. 

"Os despexos son un indicador claro do problema grave que temos coa vivenda, pero alén deles existen outras expresións desta falta de dereitos", reflexiona Diego Lores

"O problema está en que se segue primando o dereito á propiedade sobre o dereito á vivenda, sexas particular, entidade financeira ou fondo voitre. Mentres esa concepción non cambie só terás casa en función do que poidas pagar", observan desde Stop Desafiuzamentos Compostela, onde lamentan a desmobilización social após o momento álxido do 15M. "Se non estamos na rúa non conseguimos nada", sinala unha portavoz, que prefire identificarse como integrante, e que ve nas persoas arrendadoras "outras vítimas da estafa do sistema", ao ter sido en moitos casos empurradas á especulación como mecanismo para asegurar os seus aforros. "A diferenza é que elas si teñen armas legais para facer valer o seu dereito á propiedade", opina.

Información, apoio mutuo e denuncia colectiva

"Os despexos son un indicador claro do problema grave que temos coa vivenda, pero alén deles existen outras expresións desta falta de dereitos, xente que non ten aloxamento perenne, que ten que ir cambiando entre casas de familiares, veciñanza e outros por non poder asumir o prezo do alugueiro por moito tempo. Hai que recordar que o crecemento do prezo da vivenda non se corresponde co dos salarios", reflexiona Diego Lores, membro da Oficina de Dereitos Sociais de Coia, en Vigo.

Trátase dun espazo que ofrece información e alternativas sobre axudas sociais no barrio. "Esa información é para nós a escusa para relacionármonos coa veciñanza e buscar respostas colectivas a problemas que nos afectan a todas, respostas de apoio mutuo e denuncia de problemas que son sistémicos", expón o activista, que lembra as accións públicas que desenvolveron hai unhas semanas contra o desafiuzamento dunha parella con dúas fillas menores. A mobilización, "pero tamén moitas xuntanzas", levaron a que hoxe a alternativa habitacional para esta familia estea máis próxima, a través dun alugueiro social da Xunta. 

"Falar de vivenda é falar dun problema complexo, que atinxe a tres administracións –a central, a Xunta e distintos servizos municipais–. E o que atopamos é insuficiencia, ineficacia ou deixadez das políticas públicas que garantan este dereito", sinala.

A nivel galego, os números falan de 1.709 lanzamentos en 2018 e outros tantos (1.750) no que vai de 2019. Para Lores, os díxitos teñen nomes propios e problemáticas concretas cando chegan á Oficina de Dereitos Sociais. 

Criminalización

"Un dos compañeiros está agardando pola Risga, outro, un mozo, alterna empregos precarios e vive nunha casa ocupada, hai outra muller que ten recoñecida unha discapacidade de 99% pola Xunta e que vive entre casas de familiares e veciñas... 

Tamén se amosa moi crítico co papel das Administracións. "Cando o alcalde di que en Vigo 'quen durme na rúa é porque quere' está banalizando un problema que é estrutural, complexo e colectivo. Non se poden lanzar esas mensaxes que focalizan nun colectivo, criminalizan e simplifican. Botar a culpa aos colectivos é esquecer que os prezos do mercado do alugueiro medraron moi por riba dos salarios", advirte, e remítese tamén a datos recentes que indican que a Xunta acaba de denegar as súas axudas ao alugueiro á gran maioría das persoas solicitantes.