Os prezos do alugueiro esganan as galegas
Así, agosto de 2019 iniciou cunha oferta por baixo dos 4000 inmóbeis de alugueiro na Galiza, segundo o informe publicado pola Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (Fegein), que cifrou exactamente en 3930 as vivendas dispoñíbeis para alugueiro na nosa terra. A entidade amosou no seu o estudo preocupación pola carencia de inmóbeis, xa que implica a ausencia de oferta para dar resposta á demanda e a imposibilidade a curto prazo de que se poidan reducir os prezos por si sós en cidades onde se sitúan xa polas nubes como Vigo, A Coruña e Compostela.
Fegein destaca no seu último informe un elevado aumento do prezo do alugueiro que marca xa máximos históricos na taxación do metro cadrado. Outra causa que explica a falta dispoñibilidade de vivenda de alugueiro é o negocio das vivendas turísticas. As declaradas para tales usos xa chegan a 8000 na nosa nación, mais é común a proliferación de pisos e casas que se alugan por días a visitantes, sen que os ingresos xerados sexan declarados e carecendo ademais de licenza para tal explotación.
A zona vella da capital galega é unha das máis afectadas por este negocio, onde estudantado e clase traballadora xa comezan a recibir preavisos orais por parte da parte arrendadora para non renovar contratos co obxectivo de destinar as vivendas a alugueiros turísticos con motivo do Xacobeo 2021.
A media galega dispárase a respeito da estatal
No primeiro semestre de 2019 os valores medios do prezo do alugueiro no conxunto do Estado español apresentaron un incremento moderado, segundo cualificou o portal inmobiliario Fotocasa no seu estudo difundido en xullo. Así, en canto á suba trimestral, o prezo do alugueiro ascendeu de 0,6% a 0,8% interanual, é dicir, en 6 meses no Estado incrementouse un 2,7% o valor dos alugueiros. Así, por unha vivenda de 80 metros cadrados pagáronse 682 euros no mes de xuño de 2019 (8,52 euros/m2 ao mes), mentres que en decembro de 2018 a cifra estaba en 664 (8,30 euros/m2 o mes).
Porén, a suba foi moito máis acusada durante o mesmo período na Galiza, atendendo aos mesmos dados ofrecidos polo portal Fotocasa. Desta maneira, na nación galega o incremento do prezo do alugueiro durante o primeiro trimestre de 2019 subiu até o 6,5% respecto dos valores rexistrados en decembro de 2018.
[Podes ler a reportaxe íntegra no número 361 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]