A Xunta anuncia máis solo para vivenda protexida e a oposición di que non chega
O director xeral do IGVS, Heriberto García, informou esta quinta feira ao Parlamento que en xaneiro haberá concursos de solos públicos na Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra para construír vivendas protexidas destinadas especialmente ao alugueiro. A oposición critica que a Xunta non fai política de vivenda "porque non quere" e lembra que os gastos en vivenda son unha "carga pesada" para máis da metade dos fogares galegos.
A Xunta cualificou nos últimos catro anos 414 vivendas de protección oficial, 25% delas neste 2019, e sacará a concurso público a comezos do ano próximo vinte e catro parcelas de solo na Coruña, Ferrol, Lugo e Pontevedra para construír 1.439 vivendas protexidas destinadas principalmente ao alugueiro, segundo informou esta quinta feira en comisión parlamentaria Heriberto García, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS).
"Eses datos serían alentadores se non fose porque 60% dos fogares galegos din que o gasto en vivenda supón unha carga pesada, e porque temos 14.211 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, o que demostra que a Xunta non lle está a dar estabilidade ás familias que máis o precisan", respondeu a parlamentaria socialista María Luisa Pierres. "Así que son datos paupérrimos, señor García, porque todas esas vivendas a construír das que fala non estarán listas antes de 4 anos, e iso sendo moi optimistas", insistiu a deputada. Pierres ofreceu os seus propios datos. E asegurou que o alugueiro converteuse "na única opción para moitas familias" e sinalou que no rexistro público de fianzas, as inscricións aumentaron un 70% en catro anos.
O caso de Vigo
Antón Sánchez, deputado de En Común, protestou na súa quenda. "Non fan política de vivenda porque non queren... non é que non saiban. E non constrúen porque non queren... porque en Vigo se van recualificar solo para beneficio do presidente do Celta", dixo. O deputado reclamou explicacións polo caso dunha familia que foi desafiuzada en Vigo e á que a Xunta vai conceder un piso na Cañiza, a 58 quilómetros, "porque en Vigo non temos vivenda protexida porque Abel Caballero non colabora", resumiu o director xeral.