Medio Ambiente

Tres de cada dez aeroxeradores da Galiza están dentro da Reserva das Terras do Miño: "É absolutamente intolerábel"

Parque eólico na Serra do Xistral. (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
O SLG alerta da "masificación de infraestruturas de produción de enerxía" na reunión dos Órganos de participación da Reserva da Biosfera das Terras do Miño, que se reuniu para abordar a proposta do novo Plan de Xestión da Reserva 2024-2034.

Os Órganos de participación da Reserva da Biosfera das Terras do Miño, reunidos esta terza feira, abordaron a proposta do novo Plan de Xestión da Reserva 2024-2034, así como da prórroga da vixencia do plan anterior (2013-2023). A vogal do Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL), Margarida Prieto Ledo, interveu durante a sesión para incidir en varias cuestións do mesmo, tanto no referido ao seu contido como ao seu procedemento. En relación a este último aspecto, Prieto Ledo chamou a atención sobre o feito de que "un documento da súa importancia sería necesario que nos fora trasladado con máis tempo para poder analizalo en profundidade e facer as propostas máis acaídas, e non con tan só catro días hábiles de marxe, como neste caso", pois son "moitos", dixo, os aspectos que se abordan "e de moita complexidade" para velos "en menos dunha semana”.

No tocante ás conclusións que traslada o devandito Plan, a vogal do SLG incidiu na información achegada a respecto da "masificación de infraestruturas de produción de enerxía" na Rerserva, cuestión reiteradamente denunciada polo sindicato. "É absolutamente intolerábel que un espazo catalogado como de especial importancia para a biodiversidade, como é a Reserva da Biosfera Terras do Miño, que debería ser protexido de forma diferenciada, teña instalada nada máis e nada menos que 72,96% da potencia existente en toda a provincia de Lugo, o 14,13% da instalada na Galiza", censuraron desde a organización.

A construción destas infraestruturas, alertaron, derivou na "destrución da biodiversidade e a eliminación de hábitats que precisamente se pretendían protexer" ao definir este espazo como unha reserva da biosfera. "Esta situación só se entendende se a consideramos unha burla da administración pública cara a sociedade civil galega, en conivencia cos intereses de determinadas empresas privadas", lamentaron.

Segundo os datos divulgados polo Observatorio Eólico da Galiza, en 2019 xa estaban operativos máis de 1.240 aeroxeradores neste espazo. "Para colmo do despropósito, a meirande parte foron construídos dentro da Zona Núcleo (ZEC Serra do Xistral)", acrecentaron. A "instalación compulsiva" destas infraestruturas neste espazo natural chega ao punto de acumular "77,65% dos aeroxeradores existentes na provincia de Lugo, e o 30,91% dos instalados no noso país". É dicir, tres de cada dez dos que hai en funcionamento no conxunto da Galiza.

A esta situación, que cualifican de "absolutamente desproporcionada", engaden os proxectos industriais en tramitación —eólicos, fotovoltaicos e mineiros—, polo que a vogal do SLG demandou a información relativa aos mesmos, "para poder valorar a forte ameaza e poder actuar en consecuencia". Margarida Prieto tamén solicitou que sexan integradas no Plan de Xestión da Reserva 2024-2034 as recomendacións recollidas no Informe sobre a viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares elaborado polo Consello Científico do Comité Español do Programa Home e Biosfera (MaB) da UNESCO, a instancias da "multitude de incidencias" rexistradas polo Sindicato Labrego e outras organizacións sociais galegas, e emitido no pasado mes de maio.

"Para acadar os obxectivos do Plan é fundamental incorporar os aspectos recollidos neste informe, e tamén para reforzar o papel da Reserva da Biosfera", instou Prieto, que subliñou que "hai varias cuestións moi importantes a ter en conta nas súas conclusions, e que marcan directamente 'deberes' para a Secretaría do Comité e para os órganos xestores, polo que estes aspectos teñen que ter cabida no Plan de Xestión presentado para o periodo 2024-2034".

Da multitude de cuestións postas de relevo polo Consello Científico do Programa Home e Biosfera (MaB) e que cren que "cómpre incorporar inmediatamente", destacan, por unha parte, a "necesidade de dispor de procedementos de exclusión inicial de proxectos por incumprimento de criterios básicos", tales como "a distancia a vivendas, a afección a espazos protexidos —Rede Natura, zona tampón das reservas da biosfera, etc.—, a afección a hábitats prioritarios, a fragmentación de proxectos, así como a non admisión dos mesmos cando a documentación achegada é manifestamente mediocre, como en numerosas ocasións estamos a ver no caso concreto dos proxectos de explotación enerxética".

Por outra, fan fincapé na "necesidade urxente de contar cun Plan Sectorial Eólico galego que poida ser obxecto dunha avaliación ambiental estratéxica (AAE), cuestión para a que este informe elaborado pola UNESCO achega importantes claves para avanzar".