Os parques eólicos poderán instalarse en 88% do territorio galego sen control ambiental

Parque eólico nun espazo da Rede Natura na Serra do Xistral (Foto: Europa Press).
O proceso de desenvolvemento das enerxías renovábeis dá unha nova volta. O trámite de avaliación ambiental e de exposición pública non será necesario naqueles parques eólicos emprazados fóra dos espazos da Rede Natura 2000. A medida permitirá erguer instalacións eólicas en 88% do territorio galego.

O Congreso dos Deputados aprobou na xornada desta terza feira a modificación da Lei de Avaliación Ambiental, co obxectivo de librar dese trámite todas as instalacións de renovábeis emprazadas fóra dos espazos da Rede Natura 2000. A medida, recollida nun decreto con diversas propostas sometidas a validación polo Goberno do Estado, fixa, ademais, unha compensación extraordinaria de 2.000 millóns de euros ás empresas eléctricas a conta do erario público.

A nova normativa suprime a exposición pública e o trámite de avaliación ambiental para todos os proxectos eólicos presentados ao longo de 2023 e 2024, agás “os situados en superficies integrantes da Rede Natura 2000”, en “espazos naturais” e “no medio mariño”. Asemade, exceptúase deste procedemento “a construción de liñas aéreas de enerxía eléctrica cunha voltaxe igual ou superior a 220 kV e unha lonxitude superior a 15 quilómetros”.

O actual corpo legal deixa en mans dos promotores eólicos determinar o impacto ambiental da instalación e estabelece o silencio administrativo para a súa aprobación. Neste sentido, dá 10 días á Administración competente para autorizar o proxecto, sinalando que “transcorrido o devandito prazo, a falta de resposta considerarase como aceptación do contido da proposta de informe a efectos de proseguir as actuacións”.

As medidas recollidas no texto aprobado esta terza feira no Congreso dos Deputados son de aplicación aos parques eólicos de competencia estatal, aqueles cunha potencia instalada superior a 50 megawatts. Nesta liña, determínase que “o procedemento regulado non ten carácter básico e por tanto só será de aplicación á Administración xeral do Estado”. Con todo, "no seu ámbito de competencias, as comunidades autónomas poderán aplicar o disposto neste artigo”.

As dubidas legais pairan sobre a proposta. A este respecto, o profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando de Abel, sinala a Nós Diario que “estas disposicións debilitan a participación pública e entran en contradición coas directivas comunitarias e coa propia lexislación estatal, ao suprimir ou rebaixar o espazo de exposición pública”.

O actual marco legal terá unha especial afección no país. Sendo Galiza unha das comunidades do Estado con menos superficie protexida pola Rede Natura 2000, arredor de 12% do total, 15 puntos por baixo da media estatal e 38 puntos inferior a Madrid, os parques eólicos poderán instalarse en 88% do territorio galego sen someterse a ningún trámite de avaliación ambiental e sen estar suxeitos á fase de exposición pública.

A nova normativa impulsada desde o Goberno do PSOE e de Unidas Podemos non contou co apoio das formacións da dereita así como dalgunhas organizacións do grupo mixto, como o BNG. A formación nacionalista denunciou que "a nova regulación deixa en mans das empresas todo o procedemento de autorización administrativa e elimina a necesidade das declaracións de impacto ambiental, así como a exposición pública”.

O movemento ecoloxista

Entidades ecoloxistas maniféstanse moi críticas coas medidas validadas esta terza feira. Nesta dirección, ducias de persoas procedentes de todo o Estado manifestáronse ás portas do Congreso dos Deputados mentres se debatía a proposta. Os voceiros dos concentrados sinalaron que “este Real Decreto o que fai é axilizar os trámites para que os cidadáns non poidamos opoñernos a macroproxectos que arrasan os nosos territorios”.

A asociación ecoloxista Adega considera que a nova lexislación “consolida unha caste de estado de excepción ambiental no que os dereitos de participación pública e a un medio ambiente san fican suspensos a maior gloria do negocio eléctrico”.

Nesta orientación, abre a porta a impugnar a norma e anuncia que explorarán "todas as vías administrativas e xudiciais para reverter as nefastas consecuencias que para o ambiente e os recursos públicos podería ter esta norma”.

Unha norma para as eléctricas

O deputado do BNG, Néstor Rego, amosouse moi crítico no Congreso dos Deputados coa norma e afirmou que "isto supón unha barra libre para as empresas eléctricas e pon en perigo as zonas de especial sensibilidade ambiental, así como a actividade económica e, polo tanto, o modo de vida de moitas persoas na Galiza”.

Neste sentido, reclamou a tramitación do Real Decreto como Proxecto de Lei para "reverter esta modificación feita á medida dos intereses das grandes empresas".