A Xunta aproba ambientalmente 77 novos proxectos eólicos

Parque eólico da serra da Capelada, na comarca de Ortegal. (Foto: Imaxepress)
A pasada semana, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, destacou o "esforzo" realizado polo seu Goberno para cumprir os prazos de aprobación dos parques "impostos" polo Executivo estatal.

A Xunta da Galiza resolveu no prazo de 120 días un total de 120 das 140 declaracións ambientais para proxectos eólicos que tiña pendentes, despois de que o Goberno español fixase o 25 de xaneiro como data límite para estas autorizacións. Así, 77 desas declaracións foron favorábeis e 43, desfavorábeis.

De tal forma, un total de 20 parques -de menos de 50 megawatts- perden o seu permiso de conexión que concede Rede Eléctrica ao non obter unha declaración ambiental en prazo. Con todo, a Xunta subliña que continuará coa súa tramitación, tal e como contempla a Lei galega de medidas fiscais e administrativas -de acompañamento aos orzamentos-.

Ademais, sinala que entre as modificacións introducidas figura que non se executarán as garantías económicas por considerar a existencia de causas non imputábeis ao promotor ante a imposibilidade material de cumprimento dos prazos. Respecto diso, o Executivo galego quéixase de que o Goberno español non atendese a súa solicitude e a do sector para prorrogar estes prazos, á vez que defende "ofrecer seguridade xurídica aos promotores".

A pasada semana, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, destacou o "esforzo" realizado polo seu Goberno para cumprir os prazos "impostos" polo Executivo estatal. "Galiza é un referente en enerxías renovábeis, 75% da enerxía que se xera no país ten orixe nas fontes renovábeis e queremos seguir por este camiño", manifestaba.

Onte, o PP da Galiza rexeitou unha iniciativa do BNG que pedía que a Xunta traslade ao Parlamento galego a documentación sobre os plans industriais e as correspondentes monetarizacións en relación coas cantidades que debían abonar as empresas eólicas por proxectos non realizados do concurso de 2010.

"Non queren dar información porque algo teñen que ocultar", manifestaba Luís Bará, deputado do BNG na Cámara galega, ao tempo que avisaba que de persistir esta negativa, o BNG "acudirá á xustiza".

Denuncia de entidades locais e veciñais

Se ben Rueda mostra a súa satisfacción pola resolución destas 140 declaracións ambientais, nos últimos días un total de 44 entidades sociais e veciñais da Galiza, asinaron un manifesto presentado a nivel estatal contra a "invasión eólica indiscriminada" no país, en relación coa aprobación sobre a bucina destes expedientes a piques de caducar.