Eólicos de 112 metros de alto ameazan a contorna do Xurés

Veciñanza advirte do impacto en zonas patrimoniais como o foxo do lobo de Covateiras, Bande. (Foto: GR10 Limia - Arnoia)
O Diario Oficial da Galiza (DOG) sacou esta quinta feira a información pública un parque eólico da empresa enerxética  Greenalia entre os concellos de Bande e Verea, na zona da Limia-Celanova, ás portas da serra do Xurés e que prevé instalar 12 aeroxeradores de 112 metros de altura. Vai ser un dos parques que atravese a proxectada liña de alta tensión (LAT) de 50 km, tamén proxectada por Greenalia.

O parque eólico de Fonsanta, proxectado por Greenalia en Bande e Verea, exponse para o coñecemento xeral por un prazo de 30 días durante o cal poderanse presentar as alegacións e observacións que se vexan oportunas. O parque estará composto por 12 aeroxeradores e terá unha capacidade de 50 megawatts e unha produción eólica de 153.163 megawatts hora ao ano. En canto ás características técnicas dos aeroxeradores, terán unha altura de 112 metros e un diámetro de  rotor de 150. O orzamento de execución será de aproximadamente 41,5 millóns de euros.

O proxecto, ás portas da serra do Xurés, fai parte do conxunto de parques polos que transcorrerá a liña de alta tensión (LAT) da Limia e Celanova proxectada por Greenalia, de 50 quilómetros de longo e que veciñanza da zona rexeita, ao entender que afecta poboacións e a cursos fluviais para dar servizo un "macro-proxecto eólico" formado por varios parques, entre eles o de Fonsanta.

Afectación de recursos

Desde a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova sinalan a Nós Diario que o proxecto de Greenalia nestes dous concellos afecta zonas de "alto valor patrimonial", como un foxo de lobos ou varias mámoas, así como mananciais dos que se abastecen varias aldeas da área. "E estará moi próximo a varios núcleos poboados, como os lugares de Martiñán, Vilar e Carpazáns", afirma Erik do Baño,  do mencionado colectivo, que apunta a que veciños deses puntos están organizándose para presentar alegacións.

Debate parlamentar

A comisión de Ordenación Territorial do Parlamento galego acolleu esta quinta feira até tres iniciativas sobre diferentes proxectos eólicos. A deputada do BNG Iria Carreira pediu parar o proxecto de Green Capital Power en  Vilartoxo, Val do Dubra, ao que a veciñanza presentou 2.500 alegacións polo seu impacto hidrolóxico e patrimonial. Na súa resposta, a directora  xeral de Planificación Enerxética da Xunta, Paula Uría, dixo que exixirán a modificación do deseño inicial para preservar varias mámoas. Luis Bará (BNG) criticou a "ocupación masiva na comarca de Terra de Montes", no que están en diferentes fases de tramitación 11 parques eólicos "que se suman aos xa autorizados e aos 254 muíños xa instalados principalmente nas serras do Candán e do Cando".

Aliás, Pablo Arangüena, deputado do PSdeG, referiuse ás sentenzas do Tribunal Supremo e do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza que supoñen, dixo, unha "emenda de gran parte do modelo eólico da Galiza".

Alcoa

Por outra parte, Alcoa e Greenalia asinaron esta quinta feira un contrato de enerxía renovábel para o reinicio da produción en San Cibrao (Cervo )en 2024. O acordo está supeditado á autorización de parques eólicos.