As eólicas con intereses no Courel baten con 4.000 alegacións cidadás da Galiza e O Bierzo

Protesta ante a delegación do Goberno español a pasada semana. (Foto: Eiquí eólicos non)
A plataforma Eiquí Eólicos Non e a cidadanía en xeral alertan de que a instalación dos muíños e a súa infraestrutura de distribución da enerxía causarían danos irreversíbeis a nivel económico, industrial, paisaxístico e mesmo cultural. Lembran que esta zona de especial valor está no punto de mira de oito proxectos e advirten de que a mobilización cidadá de carácter masivo vai continuar para loitar contra o "espolio".

As plataformas Eiquí Eólicos Non e Rural Sostenible fan fronte ás grandes empresas eléctricas con intención de construír parques de aeroxeradores no Courel. Malia ser un primeiro paso para loitar contra o “espolio” enerxético denunciado desde toda a xeografía galega, 4.000 alegacións poñen moitas trabas no camiño do Parque Eólico de Barxas. Aliás, aínda se recollen matizacións para o polígono de Busmaior.

Se Greenalia quere actuar no Camiño e tamén hai plans que ameazan o Parque Natural das Fragas do Eume, igualmente o vento do entorno do Xeoparque do Courel resulta atractivo para as empresas.

No entanto, un dos proxectos xa topou cunha fonda oposición, tanto desde o lado da Galiza como desde o territorio do Bierzo. A plataforma Eiquí Eólicos Non -composta por colectivos como a Asociación A Volta Grande do Courel; Asociación a Fonte do Milagro; Asociación Veciñal e Cultural de Vieiros; Pía Paxaro; Asociación de Desenvolvemento Rural Serra do Caurel; Comunidade de Montes de Órreos; Asociación Galega de Custodia do Territorio; Colectivo Arte Lixo; Asociación de Indignados de Xestoso ante os abusos medioambientais; Outonía S.Coop; Plataforma veciñal Rural Sostenible e Coidemos a Terra- conseguiu máis de 500 alegacións á iniciativa prevista en Barxas, na axenda dunha filial da compañía internacional Statkraft, que non é máis que “un dos oito parques eólicos que ameazan O Courel e territorios limítrofes”.

Rexeitamento das consideracións cidadás

Antes, en febreiro, as aportacións cidadás foron rexeitadas pero agora hai máis e a estas hai que sumar as acadadas por Rural Sostenible para Barxas e Busmaior, que afectan aquela zona. Son máis de 3.500 puntualizacións para pór trabas no camiño do aproveitamento eólico, que ao final superan as 4.000 e que poderán servir para gañar a partida ou, polo menos, para gañar tempo na procura doutros elementos cos que evitar os danos medio ambientais.

Eiquí Eólicos Non explica que o Parque Eólico de Barxas danaría “gravemente os concellos e lugares de Barxas, Oencia, Trabadelo e Vega de Valcarce (no Bierzo) e O Barco de Valdeorras, Petín e Vilamartín de Valdeorras, Larouco, Pobra de Trives, San Xoán de Río, Folgoso do Courel e Quiroga, [xa no país]”.

Sería a través da instalación de 22 muíños “de 121 MW así coma unha infraestrutura de evacuación de 53 quilómetros” nunha zona de alto valor medioambiental e de atractivo turístico, entre outras cousas.

Danos "paisaxísticos, culturais, económicos" e industriais

De feito, a entidade destaca que o parque tería “danos irreversíbeis no patrimonio paisaxístico e cultural”, en plena Rede Natura, e incidiría, de seguir adiante, “nunha das áreas de desenvolvemento económico máis importante para unha boa parte da poboación, o turismo”.

“A instalación dos aeroxeneradores, así como a infraestrutura de evacuación tamén suporá un impacto para a Reserva da Biosfera dos Ancares Lucenses e Montes de Navia, considerada como unha área de gran valor ambiental, e da futura reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Iribio e Courel”, sostén o grupo, falando do contido dalgunhas das alegacións.

Tamén se rexeita, de xeito colectivo e individual, a carencia -segundo a plataforma- “dunha avaliación de impacto socioeconómico” para as industrias da zona, forestais e vitivinícolas, por exemplo.

O colectivo, que alerta de que “o espolio eólico é unha agresión que está a orixinar que centos de asociacións de toda Galicia estean a se organizar nun movemento social apartidista que reúne veciños e veciñas que defenden a súa forma de vida e o patrimonio colectivo, en defensa dun rural activo, sustentábel e con futuro”, invita á xente a seguir presentando alegacións, fundamentalmente ao parque de Busmaior, pois o prazo remata o 6 de agosto.