A patronal presenta o balance de 2020

A eólica galega, á cabeza en xeración enerxética, perde peso na industria co fechamento de Gamesa e Vestas

Na Galiza hai 4.000 aeroxeradores eólicos en funcionamento (Foto: Pedro Sala).
Tres de cada catro megawatts xerados na Galiza en 2020 proviñeron de fontes renovábeis. O país xa cumpre hoxe o obxectivo do Pniec para 2030, malia que no conxunto do Estado a porcentaxe actual cae a 43,6%. A pesar disto, na Galiza estase a tramitar o equivalente a 44% dos parques eólicos previstos en todo o Estado de cara á vindeira década.

A Asociación Empresarial Eólica (AEE), a patronal estatal do sector —en cuxa directiva está representada a ex conselleira de Medio Ambiente e actual alto cargo de Greenalia, Beatriz Mato—, presentou nesta segunda feira en rolda de prensa o seu balance de resultados do ano 2020, así como unha serie de retos e obxectivos de cara á vindeira década en materia de desenvolvemento enerxético.

O director xeral da AEE, Juan Virgilio Márquez, expuxo as tres liñas de traballo nas que, a xuízo da patronal, debe basear a súa actividade o sector eólico de aquí a 2030: actuar con "rigor e sensibilidade" para "amosar os beneficios das renovábeis" e procurar asentarse nos territorios con "acordos win-win", "manter os incentivos" para participar nas poxas de megawatts (MW) de enerxía eólica e "aliñar" as políticas climáticas coa "innovación empresarial".

A eólica galega, sobredimensionada

Segundo os datos máis recentes ofrecidos pola AEE, a Galiza era ao feche do exercicio de 2020 o segundo territorio do Estado cunha maior produción de enerxía eólica en termos globais, cun resultado de 9.993 xigawatts por hora (XWh) que só superou Castela e León, con 12.574 XWh. No que atinxe á potencia instalada, o país contaba con 186 parques en funcionamento e unha potencia total de perto de 4 XW, por detrás unicamente, de novo, de Castela e León.

O "sobredimensionamento" da eólica na Galiza recoñeceuno o propio Virgilio Márquez, preguntado pola crecente oposición social aos proxectos de aproveitamento do vento: "Cando a industria comezaba a arrincar fixouse un sistema de primas para facer parques eólicos en calquera territorio con base nas posibilidades de explotación do recurso eólico, e a Galiza era un dos máis rendíbeis", dixo, ao tempo que instou a "confiar no persoal técnico de cada Administración" para garantir que todos os proxectos cumpren a normativa ambiental.

"Falta moita pedagoxía, existe un gran descoñecemento e magnifícanse as cousas. Mais só se instalarán os parques que cumpran todos os requisitos, e non se porán aeroxeradores onde non está permitido", engadiu.

Obxectivo 2030

A AEE puxo en valor tamén os obxectivos retratados no Plan nacional integrado de enerxía e clima (Pniec) 2021-2030, cuxa principal meta é lograr na vindeira década que 74% da xeración eléctrica proceda de fontes renovábeis. Se ben o Estado español no seu conxunto está aínda lonxe de cumprila —43,6%—, a Galiza xa alcanzou a cifra o pasado ano —75,6%—.

Hoxe hai a nivel estatal 27,45 xigawatts (XW) de potencia instalada, e a patronal agarda duplicala de cara a 2030 —50,3 XW—, e chegar aos 40,6 XW en 2025 como obxectivo a curto prazo. A pesar da moratoria dun ano e medio anunciada pola Xunta, que entrará en vigor en 2022, na Galiza hai actualmente arredor de 300 parques eólicos en trámite, cuxa potencia superaría os 10 XW, isto é, 44% da meta marcada a nivel estatal para 2030.

Porén, corresponde á Galiza cargar co maior peso da transición enerxética? Segundo un estudo do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), o país ten potencial para instalar até 41,5 XW ao longo do territorio. A día de hoxe está en funcionamento 10,6% dese potencial eólico total, mais outros lugares como Aragón, Catalunya, Andalucía ou Castela-A Mancha, cuxos espazos de aproveitamento potencial superan o da Galiza, desenvolveron até o momento entre 7,1 e 8,8% do seu recurso eólico. Tamén a Comunidade de Madrid, a única sen aeroxeradores instalados, ten cabida para arredor de 900 MW.

Caída do emprego

Os postos de traballo directos do sector eólico pasaron de 4.034 en 2019 a 3.744 no ano da pandemia —24,6% do total do Estado—, mais a esta última cifra cumpriría restar os 330 empregos que se perderon en 2021 co fechamento das fábricas de Vestas en Viveiro e Gamesa nas Somozas.

Perde peso, nomeadamente, a industria, que en 2019 achegaba 1.294 traballadores ao sector eólico e hoxe fica por baixo do milleiro. Aliás, das 429 sociedades que operan neste eido —fabricación de pas e compoñentes, portos, instalacións de mantemento, etc.—, só 27 —6,3%— desenvolven a súa actividade na Galiza.

Tamén caeu o peso directo do sector eólico sobre o Produto Interior Bruto (PIB) do país, pasando de supor 0,7% do total en 2018 e 0,6% en 2019 a 0,54% no último exercicio —316 millóns de euros—. A industria galega é, no seu conxunto, 15,5% do PIB do país, ao tempo que o peso do sector primario fica en 4,8%.

É posíbel distribuír a eólica equitativamente?

A meirande parte dos parques eólicos están concentrados en tres territorios: a Galiza, Castela e León e Aragón. E son estes tres, precisamente, nos que se está a producir a maior "avalancha de novos proxectos", tal e como a definiu o director xeral da AEE, Virgilio Márquez, quen, por outra banda, pediu "calma" porque "non todos serán construídos".

En resposta a unha pregunta formulada por Nós Diario, o representante da patronal recoñeceu que se está a producir unha "concentración excesiva" de parques eólicos nestes territorios. "No norte peninsular hai moitas instalacións, e poderiamos aproveitar o recurso en diferentes puntos do Estado. Alemaña, por exemplo, penaliza a construción de novos aeroxeradores na zona norte do país, onde consideran que xa hai demasiados parques", explicou.