Entra en vigor a nova Lei de Ciencia: Que supón para as investigadoras galegas?

Unha investigadora traballa nun laboratorio coa vacina do coronavirus. (Foto: Europa Press)
A lei foi aprobada no Congreso o pasado 25 de agosto.

A Lei da Ciencia, a Tecnoloxía e a Innovación entra en vigor esta cuarta feira após a súa publicación no día de onte no Boletín Oficial do Estado (BOE). Entre outras medidas, o texto garante un financiamento da I+D+i estábel e crecente para achegarse ao nivel dos países da Unión Europea e alcanzar así o 1,25% do PIB en investimento público para 2030.

A futura lei recolle un itinerario postdoutoral de "incorporación estábel ao sistema". Así, para os postdoutorais que queiran acceder ao sistema, a duración do contrato será de entre 3 e 6 anos, con prórrogas de, polo menos, un ano. A nova lei fixa que as situacións de "incapacidade temporal, nacemento, adopción, garda con fins de adopción, acollemento, risco durante o embarazo ou risco durante a lactación, violencia de xénero ou terrorista", interromperán o cómputo do prazo límite de duración do contrato, así como da súa avaliación.

Segundo este novo modelo de contrato, o persoal investigador con contrato postdoutoral en universidades públicas, Organismos Públicos de Investigación (OPI), fundacións ou consorcios públicos, poderá optar a unha avaliación da actividade investigadora a partir da finalización do segundo ano de contrato, co obxecto de conseguir a estabilización. Tras superar dita avaliación, o persoal investigador obterá unha certificación como "investigador estabelecido", que ademais suporá melloras salariais.

Ademais, aprobar esta proba eximiralles de realizar partes das probas para acceder ao sistema público, e reservaráselles un mínimo de 15% da taxa de reposición para este tipo de contratos nas Ofertas Públicas de Emprego (OPE) nas universidades e de 25% nos OPI.

Aprobación da lei

A mediados do pasado mes de xullo, o pleno do Senado non puido aprobar de maneira definitiva o proxecto de reforma da Lei da Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, debido a que se aprobou unha das emendas rexistradas polo PP, cos votos a favor de ERC, Junts, PNV, UPN e Vox.

En concreto, a emenda aprobada á Lei da Ciencia rexistrada polos populares foi a número 76, que insta á supresión da disposición adicional décima da lei, que fai referencia aos contratos que se atopen asociados á estrita execución do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia e só polo tempo necesario para a execución dos citados proxectos, así como para contratos necesarios para a execución de programas de carácter temporal cuxa financiamento dependa de fondos europeos non competitivos.

Finalmente, e tras a presión de colectivos de investigadoras e formacións políticas como o BNG, esta emenda 76 foi rexeitada na votación do Congreso. Todo despois de que o PSOE negociase con ERC para que mudase o seu voto a cambio dun reforzo nas condicións laborais e de financiamento dos centros públicos da I+D+i.

Postura do BNG

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, lamentou a "oportunidade perdida" para avanzar no fortalecemento do sector científico durante o debate no Congreso da nova Lei de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación. Rego subliñou que se trataba dunha ocasión perfecta para impulsar "unha ciencia para toda a sociedade e unha ciencia con dereitos".

Con máis de trinta emendas rexistradas pola organización nacionalista, Rego procuraba "defender as competencias galegas nesta materia, garantir o retorno social do investimento, incrementar o financiamento, reducir a fenda de xénero, a inclusión do persoal técnico e eliminar a taxa de reposición de efectivos".

"No BNG entendemos que sen ciencia non hai futuro e que, polo tanto, esta lei era unha oportunidade para avanzar e impulsar unha ciencia para toda a sociedade mais tamén para construír unha ciencia con dereitos" explicou o deputado nacionalista.

Néstor Rego anunciou a abstención do BNG na aprobación da nova Lei de Ciencia, xa que, se ben a consideraba "necesaria", o feito de que as emendas nacionalistas fosen rexeitadas na súa maioría impediu que o texto final se axeitase ás pretensións da formación política.