Entidades de apoio ás persoas con TEA demandan recursos

A presidenta da Federación Autismo Galiza, Mercedes Fernández. (Foto: Nós Diario)
O Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo conmemórase este domingo

27.000 galegos e galegas están diagnosticadas con Trastorno do Espectro Autista (TEA). Unha persoa de cada 100 ten autismo, é dicir 1% da poboación, segundo datos da Federación Autismo Galiza. Con motivo do Día Mundial de Concienciación sobre o Autismo, que decorre este domingo, a presidenta da entidade volve reivindicar máis recursos.

A presidenta da Federación Autismo Galicia, Mercedes Fernández, indica a Nós Diario que os casos de TEA aumentan de maneira exponencial. Asegura que o índice de prevalencia xa se sitúa arredor de un caso por cada 80, e continúa subindo. Este incremento débese en gran medida, segundo explica Fernández, á mellora nos diagnósticos. Con todo, mantén que estes datos son “moi aproximados” pois aínda “hai moitas persoas que non están diagnosticadas”.

A presidenta da federación sinala que o autismo é un trastorno de neurodesenvolvemento no que se ve afectado o sistema nervioso e o funcionamento cerebral. Este trastorno afecta especialmente a dúas áreas: á vinculada á comunicación e á interacción social, e á relacionada co comportamento e co pensamento. Así, as persoas con autismo adoitan ter problemas no desenvolvemento da linguaxe e uns intereses moi ríxidos. “A súa inflexibilidade de pensamento pode traducirse en problemas de conduta, pois non saben expresar o que lles pasa”. Ademais, di, poden ser hiposensíbeis ou hipersensíbeis ás experiencias sensoriais. “Hai moitas persoas que non soportan os ruídos, moléstanlles excesivamente”, exemplifica.

Estas son algunhas das manifestacións que os círculos próximos das persoas con TEA deben ter en conta á hora de actuar ante un posíbel caso autista. “Canto antes se identifiquen estes comportamentos, antes se poderá facer un diagnóstico e, polo tanto, acceder aos apoios especializados que necesitan estas persoas”, sostén Fernández. Para a presidenta da federación, calquera persoa que detecte esta situación debe comunicala, sexan pais ou nais, familiares próximos, ou mesmo o profesorado dos centros de ensino.

O autismo, advirte a presidenta da federación, “é infinito”, pois “ningún caso é igual”. De feito, pode ir acompañado dunha discapacidade intelectual ou dalgún problema de saúde mental, polo que cada persoa con TEA presenta unhas necesidades diferentes. Se ben hai anos existía unha categorización dos distintos graos deste trastorno, actualmente o diagnóstico psiquiátrico de autismo é o mesmo para todas os casos de TEA. Isto débese a que todas as persoas con autismo, teñan ou non algunha discapacidade intelectual, “van necesitar apoios ao longo da súa vida; é un trastorno que non se cura”, apunta. 

Falta de recursos

Aínda que se advirta un aumento da sensibilidade con respecto ao autismo por parte das institucións, Fernández sinala que “as asociacións necesitamos máis recursos”. “As entidades que se inclúen na federación son agrupacións sen ánimo de lucro que precisan recursos para poder atender” as persoas usuarias. Así, destaca a falta de espazos para desenvolver o traballo ou a escaseza de persoal especializado entre os principais obstáculos aos que se enfrontan. “Cómpre que as Administracións públicas traballen con nós, debemos ir da man para garantir estes apoios".