Social

Enfermeiras Eventuais en Loita pide "transparencia" e "estabilización de prazas" nas contratacións do Sergas

Concentración das enfermeiras eventuais en loita (arquivo).
O colectivo de profesionais da enfermaría denuncia que no Sergas non hai "unanimidade" nos criterios das contratacións nas diferentes áreas sanitarias e que as avisan de onde teñen que ir traballar "case no momento". 

"Se somos tan importantes, porque nos tratan con esta humillación e desleixo?". Enfermeiras Eventuais en Loita exixe ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) "transparencia e coherencia, estabilización de prazas, respeto á orde das listaxes e igualdade" a respecto das contratacións.

Este colectivo de profesionais da enfermaría denuncia que no Sergas "continúa sen existir unanimidade nas contratacións nas diferentes áreas e distritos sanitarios" e que se emprega un sistema no que as avisan de onde teñen que ir traballar "case no momento" da incorporación ou que lles asignan un contrato "incluso no mesmo día" que comeza.

"O Sergas aprovéitase da posibilidade de renovar a xente que está con contrato, saltando a orde das listaxes de contratación. E sen informar adecuadamente ás suas traballadoras, que dous días antes (hoxe ás 12 da mañá) seguíamos sen saber onde e como, ou se traballaríamos durante o vindeiro mes", aseguran nun comunicado no que tamén critican que as profesionais con contratos de acúmulo de tarefas que desempeñan o seu labor en plantas de COVID-19 dos hospitais "aínda" non teñen comunicación sobre "como e cando" van traballar no mes de maio.

"Non falamos soamente de persoal de reforzo, senón de profesionais que estamos cubrindo ocos libres", explican as Enfermeiras Eventuais en Loita. "A última hora da mañá moitas compañeiras seguiamos sen saber o noso futuro, e outras estabamos a ser renovadas despois de que onte se nos dixese o contrario", relatan sobre a situación desta cuarta feira.