Social

Enfermeiras Eventuais en Loita denuncia o feche da UCI do Montecelo de Pontevedra

Hospital Montecelo de Pontevedra (Europa Press).
En plena crise sanitaria polo brote de coronavirus, o SERGAS deixa sen dar uso á súa única unidade de coidados intensivos dentro do Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra (Chop).

O colectivo Enfermeiras Eventuais En Loita denuncia que a Unidade de Coidados Intensivos (UCI) do Hospital Montecelo, "totalmente equipada con 10 camas", permanece "fechada desde a pasada cuarta feira en plena crise sanitaria asistencial". Esta mesma sexta feira, o presidente da Xunta avanzou unha inversión de 115 millóns de euros para un novo hospital na cidade. 

Unha denuncia que chega no mesmo día no que a Xunta iniciou a licitación das obras do hospital Gran Montecelo, cun investimento de 115 millóns de euros pola construción dun novo edificio.

Desde a Xerencia do Hospital Montecelo, segundo un comunicado do colectivo de enfermeiras, xustifican a necesidade do feche desta unidade "por diminución do número de ingresos de pacientes criticos coa COVID-19, decidindo de forma unilateral, que era o momento óptimo para a realización de obras de mantemento, sen concretar o alcance nin os prazos de realización das mesmas".

"Estas políticas de uso tomadas polo órgano de administración hospitalario non respectan as normas do plan específico de contixencia fronte ao coronavirus redactado polo Sergas para a área sanitaria de Pontevedra e O Salnés", critican.

Traslado de pacientes críticas

Segundo as Enfermeiras Eventuais en Loita, a falla deste tipo de instalacións provocou a modificación doutras unidades análogas dentro do propio complexo hospitalario pontevedrés como foron a Unidade de Reanimación (REA) e a Unidade de Recuperación Postanestésica (URPA); a creación de novas unidades de similares características dentro do mesmo Montecelo como foi a Unidade de Cirurxía Maior Ambulatoria (CMA), e mesmo provocou o traslado de pacientes a outras unidades de UCI de xestión privada como as do Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez. 

"O Hospital Montecelo atópase na actualidade con pacientes en estado crítico que precisan atención intensiva, trasladados neste momento a unidades non organizada para iso", aseguran. Como proba deste feito, explican que "a unidade de REA se tivo que habilitar como a nova UCI para pacientes con COVID-19, os cales deben seguir sendo valorados polo equipo médico intensivista". 

O feche da UCI causou unha "enorme indignación e descontento" entre o persoal de enfermaría da unidade, tal e como relata este colectivo. "Despois de todo o esforzo, tanto físico como psicolóxico, o persoal de enfermaría de coidados intensivos, séntese desamparado e á espera de que a dirección decida onde deben traballar os seguintes días, até a nova reapertura do seu servizo habitual, a cal non ten data programada", apuntan. 

Feixoo anuncia un novo hospital 

Neste contexto, o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, anunciou a autorización da licitación das obras da primeira fase do "Gran Montecelo", en Pontevedra, cun investimento de 115 millóns de euros. Obras que "comezarán este mesmo ano".

O titular da Xunta precisou que "o novo inmóbel estará unido ao resto das instalacións do Hospital Montecelo e nel centralizaranse servizos como a área de urxencias, a unidade de coidados intensivos (UCI), a hospitalización con ingreso e as especialidades de maior complexidade".

Concretamente, no caso da UCI Feixoo "puxo de relevancia que se incrementa nun 36%, pasando do 20 a 35 camas". Así mesmo, anunciou que haberá unha "nova UCI pediátrica".