Social

Encontros telemáticos reforzan a atención ás persoas con discapacidade

Detalle dun dos encontros telemáticas de Down Compostela.

Down Compostela organiza videoconferencias para promover o contacto coas familias e actividades entre as persoas con discapacidade.

O contacto e o traballo telemático tamén forman parte das rutinas das persoas con discapacidade durante o confinamento. A Fundación Down Compostela promove o uso de videoconferencias para seguir en contacto coas familias e coas persoas con Síndrome de Down, ademais de manter nas súas redes sociais un desafío diario baixo o reclamo Temos un plan.

A experiencia das primeiras reunións telemáticas resultou un éxito, segundo explica a organización a través dun comunicado. Á sorpresa e á alegría iniciais, indican, sumouse a iniciativa das crianzas que mesmo improvisaron un concurso de disfraces na distancia que “as encheu de satisfacción”.

Atención individualizada

Porén, aseguran, as sesións organizadas pola Fundación responden ás necesidades específicas das usuarias e ás propostas das diferentes áreas de actuación do colectivo: atención temperá, educación, logopedia e formación de adultos, entre outras. Desta forma buscan acompañar as familias e facilitar que as persoas con discapacidade poidan continuar co programa de atención que realizan habitualmente no Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de Down Compostela.

As videoconferencias non só atenden as necesidades específicas das familias, tamén responden ás necesidades de coordinación das profesionais, que precisan analizar os avances de cada familia e das persoas usuarias para contribuír ao seu proxecto de forma individualizada.

Comparten actividades, pautas, consellos e chamadas telefónicas a onde non chegan as novas tecnoloxías ou chegan con dificultades, para favorecer un apoio personalizado en todos os casos.

Temos un plan

De forma complementaria, Down Compostela anima as súas usuarias e as súas seguidoras en Facebook a cambiar de hábitos e emprender novas rutinas durante estas semans a través da proposta Temos un plan.

Un reto diario de segunda feira a sexta feira que calquera pode asumir e que inclúe adiviñas, coñecemento, gastronomía, arte, música e movemento.