"Hai que reforzar a sanidade de calidade, de xestión pública e de acceso universal"

Unha enfermeira da sanidade pública (Europa Press).
O 7 de abril é o Día Mundial da Saúde. A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública conmemora esta data cunha lembraza da pegada do coronavirus sobre o sistema sanitario e a importancia de fortalecer o sistema público de saúde.

O sector da saúde conmemora o seu día mundial en plena crise pola pandemia do coronavirus. Malia admitir poucos motivos para ningunha celebración, desde a Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública aproveitan esta data para lembrarnos que “somos humanos e que a vida e a saúde non están garantidas”.

“ A Organización Mundial da Saúde leva moitos anos advertíndonos da probable emerxencia de pandemias sen que se adoptaron as medidas oportunas para previlas e/ou diminuír o seu impacto. É necesario concienciarse desta necesidade e cando pase a actual pandemia non podemos esquecernos diso baixo o risco de repetilo”.

Nun comunicado difundido este 7 de abril, Día Mundial da Saúde, as asociacións en defensa da sanidade pública lembran a importancia de dispoñer dun sistema sanitario público potente “que cubra a toda a poboación e que teña medios suficientes para prestar unha atención sanitaria de calidade a todas as persoas”. 

Recortes e provatización

Alertan das consecuencias dos recortes e das privatizacións, unha ameaza para a dotación de medios suficientes cos que dar resposta a un grande aumento da demanda, como o actual. Neste sentido, sinalan os efectos máis acusados do coronavirus naqueles territorios onde as minguas e a privatización da sanidade pública foi tamén máis notable. “O peche de camas e a privatización dos hospitais obriga agora a montar centros de campaña”, apuntan.

Na Galiza, destacan a situación nos centros de maiores. “Tampouco é casualidade que aconteza nun dos sectores máis dependentes do capital privado e onde ten primado o interese polo beneficio que o prestar unha verdadeira atención a esas persoas”. A pandemia, engaden, fixo que saíran a luz as condicións tanto dos residentes como das traballadoras empregadas nelas. Así, unha vez superada esta crise, piden revisar a debilidade do sistema sociosanitario para dotalo dunha xestión máis rigorosa.

Atención Primaria e profesionais suficientes

Unha Atención Primaria potente e un colectivo de profesionais da sanidade suficiente centran outras das súas reivindicacións. Unha Atención Primaria fortalecida tamén para a xestión de grandes crises sanitarias como a actual, autónoma e capaz de garantir unha axeita asistencia e atención das usuarias, de diminuír mortalidade e de evitar os colapsos nos hospitais. 

Mais tamén persoal suficiente, “cunha cualificación apropiada ás necesidades de saúde e unhas condicións laborais dignas. A aposta pola seguridade e a mellora nas condicións de traballo son piares básicos para os que teñen que estar enfrontándose aos problemas de saúde da poboación”.

Investigación e solidariedade internacional

A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública salienta, ademais, a debilidade dos mecanismos de apoio internacional; os riscos da globalización, nomeadamente “a externalización e a deslocalización da produción de materiais indispensábeis para o funcionamento da Sanidade Pública”; e o abandono da investigación de ámbito público e accesíbel, castigada polos recortes.

Así, as asociación en defensa da sanidade pública fan un chamamento final a aprender do sucedido e “comprender que hai que reforzar a Sanidade Pública de calidade, de xestión pública e de acceso universal. E reforzar os mecanismos de coordinación e solidariedade internacionais”.