Social

20% das 5.460 persoas con COVID-19 están vencelladas coas residencias de maiores

Residencia de Barreiro, en Vigo (DomusVi).
Na Galiza rexistráronse 800 altas de pacientes que superaron a enfermidade e realizáronse un total de 34.423 probas PCR para a detección do coronavirus desde que comezou a pandemia. A cifra de falecementos é de 288

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou esta cuarta feira de que, na última actualización, o número de casos de coronavirus na Galiza ascende a 5.460

Dos 5.460 positivos en COVID-19 confirmados no país 1.138 son da área da Coruña, 566 da de Lugo, 1.001 da de Ourense, 460 da de Pontevedra, 1.066 da área de Vigo, 911 da de Compostela, e 318 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, segundo trasladou Sanidade, 158 permanecen en UCI 835 están en unidades de hospitalización, polo que hai un total de 993 persoas ingresadas nestes momentos. Mentres que 4.467 persoas con COVID-19 están a ser controladas desde os seus domicilios.

Polo de agora, na Galiza rexistráronse 800 altas de pacientes que superaron a enfermidade e realizáronse un total de 34.423 probas PCR para a detección do coronavirus desde que comezou a pandemia. 

Así mesmo, a Consellaría traslada que a cifra de falecementos ascende a 288 persoas

Residencias

A Consellaría de Sanidade centraliza desde hoxe os datos da COVID-19 no relativo aos contaxios e á evolución das persoas que padecen a enfermidade. 

Nesta cuarta feira informou de que das 5.460 persoas con COVID-19 na Galiza, 781 son usuarias de residencias de maiores e 334 son profesionais vinculados a estes centros

A respecto do número de falecementos, na cifra total de 278 figuran 57 persoas que eran residentes nun centro para a terceira idade que faleceron alí mesmo e outras 51 persoas maiores que faleceron xa nun hospital ou nunha das residencias integradas que habilitou o Goberno galego nesta crise. Así que dos 278 falecementos, 114 corresponden a residencias de maiores

O número de casos de coronavirus detectados en centros residenciais de servizos sociais da Galiza supoñen o 3,2% do total das persoas residentes, segundo informa a Consellaría, que lembra que estes datos se corresponde cos que achegan diariamente desde os propios centros. 

Das 8 persoas falecidas a pasada terza feira en centros residenciais, 5 foron na residencia DomusVi San Lázaro (Compostela), 1 na residencia de Bande (Ourense) e 2 na residencia Nosa Señora da Esperanza (Ourense) e 2 na residencia DomusVi Cangas.

Teléfono 900 400 116

Sanidade reitera que a cidadanía empregue o número 061 só para emerxencias ou casos graves e aconsella utilizar o número gratuíto do 900 400 116 para consultar dúbidas ou síntomas leves de coronavirus.

Ademais, o Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar información dirixida á poboación, ás profesionais sanitarias e a outros colectivos.