Ence proporá á súa xunta de accionistas o reparto de 70 millóns de dividendo

Factoría de Ence en Lourizán. (Foto: Nós Diario)
Ence obtivo un beneficio neto consolidado de 247 millóns de euros no ano 2022, tras rexistrar perdas por valor de 190 millóns de euros no ano anterior, grazas aos "fortes" prezos da celulosa e os "bos" resultados operativos.

O consello de administración de Ence proporá á súa xunta xeral de accionistas, que terá lugar esta sexta feira, 5 de maio, en segunda convocatoria, a repartición dun dividindo complementario, con cargo aos resultados de 2022, por importe de 70 millóns de euros, o equivalente a 0,29 euros brutos por acción.

Ence explicou que esta proposta de dividendo complementario, que está en liña coa súa política de “remuneración ao accionista”, responde á “forte xeración de caixa da compañía e ao seu baixo endebedamento”.

Ence obtivo un beneficio neto consolidado de 247 millóns de euros no ano 2022, tras rexistrar perdas por valor de 190 millóns de euros no ano anterior, grazas aos "fortes" prezos da celulosa e os "bos" resultados operativos.

Á súa vez, a marxe operativa do negocio tamén se incrementou en 2022, debido á mellora do tipo de cambio, mitigando o efecto da suspensión de actividade en Pontevedra e compensando a inflación no custo das materias primas.

Ence na ría

No pasado mes de febreiro a sala quinta do contencioso administrativo do Tribunal Supremo aceptou o recurso de Ence contra a sentenza da Audiencia Nacional de 16 de xullo de 2021, que declaraba nula a prórroga concedida á pasteira en 2016 polo Goberno español en funcións de Mariano Raxoi para se manter na ría de Pontevedra até 2073 e consideraba ilegal o seu emprazamento.

Segundo informaba Nós Diario no mes de marzo, o Supremo avalou esta prórroga concedida á fábrica de Ence ao existir un informe ambiental favorábel da Xunta e porque "non lle era de aplicación" a limitación que impón un artigo da Lei de Costas sobre a actividade a que se debe dedicar a instalacións situadas no litoral.

Após coñecerse esta resolución xudicial, o rexedor pontevedrés, Miguel Anxo Fernández Lores, pediu "confianza" á cidadanía porque o Concello "continuará loitando por recuperar a ría". "Dei orde expresa e urxente aos servizos xurídicos para que busquen todas as posíbeis vías de recurso", anunciou.

O alcalde de Pontevedra asegurou estar "convencido, e cada vez máis", de que "non hai desenvolvemento económico nin de emprego sen respecto polo medio ambiente", polo que insistiu en que a súa "obriga" deixar a fillos e netos "un planeta mellor".