Empresas foráneas xestionan mil pisos turísticos na Galiza, 31% máis que hai un ano
O inicio do verán dá tamén o disparo de saída á tempada alta para os pisos turísticos, unha época na que o aluguer das VUT (vivendas de uso turístico) alcanza o seu maior movemento. A Galiza principia o verán con perto de 24.000 pisos turísticos rexistrados, 5.000 máis que en 2023. Se ben a gran maioría son propiedade de persoas individuais, cada vez máis as empresas entran no negocio, tamén as de fóra.
Segundo o último Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas da Galiza (REAT), correspondente ao mes de xuño, na Galiza existen 23.772 vivendas de uso turístico. Na actualidade as VUT representan 84,9% do total da oferta de aloxamentos, e recollen 45,2% das prazas.
As VUT repártense entre dous tipos de propietarios: as persoas individuais, propietarias de 20.953 vivendas, e as empresas, que contan cun total de 2.819. É unha porcentaxe pequena, mais que vai en aumento a medida que este tipo de inmóbeis se consolida como unha oportunidade de negocio.
Así, hai un ano —xuño de 2023—, os pisos turísticos xestionados por empresas eran 2.144, polo que nestes doce meses houbo un aumento de 31,4% nas VUT en mans de sociedades privadas.
Desas 2.819 vivendas xestionadas actualmente por empresas, 34%, unha de cada tres, están en mans de empresas de fóra da Galiza. Segundo os datos do propio rexistro da Xunta da Galiza, as firmas con sede en Madrid e Zaragoza son as que xestionan un maior número deste tipo de inmóbeis na Galiza: 196 e 129 respectivamente.
Masificación
As vivendas de uso turístico non están, loxicamente, repartidas homoxeneamente polo territorio galego, concéntranse naquelas zonas de maior atracción de turistas. En termos de zonas turísticas, atópase unha maior concentración na área da ría de Arousa, na que se localizan 24,4% das vivendas de uso turístico, 1 de cada 4.
De feito, hai concellos onde o número de prazas de VUT case iguala ao de habitantes. É o caso de Sanxenxo (O Salnés), onde hai 840 prazas de pisos turísticos por cada 1.000 habitantes (en xuño de 2023 eran 753 prazas). En Barreiros (A Mariña) por cada 1.000 veciños e veciñas hai 780 prazas de vivendas para turismo (eran 691 hai 1 ano) e en Carnota (comarca de Muros) teñen case 500 prazas de VUT por cada 1.000 residentes no concello.
Tendo en conta o número de prazas por quilómetro cadrado do concello, Sanxenxo é o que máis destaca, con 332,7 prazas por quilómetro cadrado (34 máis que en xuño de 2023), seguido do Grove (O Salnés), e A Coruña (comarca homónima) con 176,1 e 168,3 prazas por km2 respectivamente.
Últimos anos
O número de vivendas de uso turístico (VUT) na Galiza aumenta ano tras ano desde que os rexistros levan a contabilidade deste tipo de inmóbeis. O Instituto Nacional de Estatística (INE) apuntaba o pasado mes de maio que o incremento de VUT na Galiza nestes dous últimos anos apenas tivo parangón. Se a media estatal no aumento de pisos turísticos de 2022 a 2024 foi de 23%, na Galiza situouse en 41%. Esa suba é maior á que rexistraron no mesmo período territorios tan turísticos como Andalucía (+35%), Illes Balears (+6%), Catalunya (+28,6%)


