As empresas autoras do informe da ponte da A-6 traballaron para ACS e FCC

Un guindastre realiza os traballos para tirar o último tramo do viaduto do Castro. (Foto: Europa Press)
As dúbidas sobre as causas do derrubamento do viaduto do Castro (Pedrafita do Cebreiro), construído por unha unión temporal de empresas (UTE) formada por FCC e ACS, continúan. O informe encargado polo Ministerio de Infraestruturas a dúas empresas de enxeñaría para aclarar os motivos do sinistro  introducen novas incógnitas na investigación. Mentres os socialistas danas por boas, populares e nacionalistas demandan máis claridade.

O Ministerio de Infraestruturas encargou as enxeñarías Ideam e MC2 un informe independente co obxectivo de determinar as razóns da caída da ponte do Castro na A-6. A investigación presentada por estas dúas compañías está a ser obxecto dunha viva polémica no ámbito político, ao consideraren desde o PP e o BNG que o traballo non define con claridade os responsábeis do sinistro e introduce novas incógnitas sobre a caída deste viaduto, que no ano 2002 recibira o Premio Internacional Puente Alcántara, un prestixioso certame destinado a galardoar con carácter bienal a obra pública que reúne a xuízo do xurado unha "maior importancia cultural, tecnolóxica, estética, funcional e social, tendo en conta ao tempo a calidade técnica, a estética e a perfección alcanzada na execución do proxecto".

A empresa Ideam

Ideam é unha veterana enxeñaría fundada en 1938 e emprazada en Madrid. A compañía partilla desde 2016 unha alianza empresarial co xigante estadounidense do sector TY Lin International e atesoura unha importante cantidade de recoñecementos e galardóns polo seu traballos. Neste sentido, posúe premios de prestixio como o Santo Domingo da Calzada, concedido polo Colexio de Camiños, Portos e Canais do Estado, o Agustín de Betancour ou o San Telmo, do Colexio Oficial de Camiños, Portos e Canais da Galiza.

Precisamente, a mercantil é autora de importantes traballos de enxeñaría no país, entre eles o viaduto sobre o río Ulla no eixo atlántico de alta velocidade, construída por unha UTE formada por Dragados S.A. e Tecsa Empresa Constructora S.A., mercantís que fan parte do grupo ACS, unha das compañías construtoras do sinistrado viaduto do Castro.

Ideam ten traballado en moitos proxectos para ACS e FCC. Así, para ACS, compañía propiedade de Florentino Pérez, ten realizado o viaduto do Piedra, no tramo de alta velocidade de Madrid a Zaragoza; a ponte mixta sobre a M-607 en Madrid ou os viadutos mixtos da AP-7 en Girona. Pola súa parte, elaborou os proxectos construtivos das pontes erguidas por FCC sobre o río Navia na N-634, en Asturias, sobre o río Sella, en Cangas de Onís, tamén en Asturias, ou de Ipiñarri, na autoestrada Vitoria-Gasteiz, onde conformaba UTE con FCC, a galega Puentes y Calzadas, compañía a quen o Goberno do Estado encargou os traballados de reparación, previos á caída, da Ponte do Castro en Pedrafita do Cebreiro.

A enxeñaría MC2

MC2 é outra enxeñaría madrileña con longa traxectoria profesional e integrada no grupo Typsa desde 2012. A empresa, moi coñecida no sector da obra civil, ten recibido importantes galardóns como o Acueduto de Segovia, da Fundación Camiños e do Colexio de Camiños, Portos e Canais do Estado, o Premio  Nacional de Enxeñaría Civil, do Ministerio de Fomento ou o Fidic outstanding projec of de year 2019, da Asociación internacional de enxeñeiros e consultores polos traballos de ampliación da ponte de Rande sobre a ría de Vigo.

Neste último a caso, a obra executouna unha UTE conformada por Puentes y Calzadas e ACS, aparecendo ao carón desta compañía na edificación da ponte do Nalón en Asturias ou na ampliación da estación ferroviaria de Atocha en Madrid.

FCC

FCC, a construtora da familia Koplowitz e de Carlos Slim, contou nalgúns dos seus traballos  máis icónicos con MC2. Así, encargoulle en 2017 o proxecto construtivo e a asistencia técnica da obra do Estadio Metropolitano, o campo de fútbol propiedade do Atlético de Madrid. Asemade, a matriz de MC2, o grupo Typsa, desenvolveu en 2021 os traballos de arquitectura das obras de ampliación do estadio do Real  Madrid, acompañando FCC, nas obras do metro da capital de Arabia Saudita, Riad.